O Quixós, subcampión da liga Nacional de Augas Bravas

LUIS CONDE MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CEDIDA

O equipo monfortino foi terceiro no campionato de España de clásica

18 ago 2025 . Actualizado á 13:28 h.

Unha fin de semana para enmarcar. O Quixós volveuno a bordar nun campionato de España. As mozos promesas que dirixe Santi Díaz conquistaron o campionato de España de descenso de augas bravas o sábado, mostrando unha importante superioridade sobre o resto de opoñentes.

O domingo tocoulles competir de novo. Nesta ocasión na modalidade clásica. E aí, os discípulos de Díaz volvérono a bordar. Non só cumpriron, senón que incluso superaron as expectativas iniciais dos adestradores monfortinos.

Sara Inés Varela e Nerea Gutiérrez proclamáronse campións de España na modalidade de C-1. Sara tamén conquistou a medalla de prata a nivel individual en K-1. Os bos resultados do domingo completáronse coa medalla de bronce de Diego, que certificou un excelente campionato.

Estes resultados catapultaron ao Quixós como subcampión da liga Nacional de Augas Bravas e terceiro no campionato de España.

Unha mención merece Noa Díaz, que en plena recuperación tras a súa operación de fai menos dun mes, non só competiu, senón que se alzou con dúas medallas. Foron dous metais de bronce en C-1 e en K-1.

O director deportivo do Quixós, Santi Díaz, acabou moi satisfeito cos resultados e coa imaxe que ofreceron os seus mozos promesas esta fin de semana en Sabero. «Estamos moi ledos, porque levando menos competidores que outros clubs de entidade fomos capaces de conseguir estar ao seu nivel», indica Santi Díaz.

O técnico pon en valor o que están a facer os seus mozos promesas, e máis tendo en conta as limitacións coas que se atopan. «Teñen moito mérito, porque nós con contamos cunha canle de slálom nin con instalacións axeitadas, pero eles saben sobrepoñerse e conseguen medallas. Estamos moi orgullosos de todos», conclúe Santi Díaz.

E sen practicamente tempo para desfacer a maleta, Sara, Martín e Xoel xa emprenderon viaxe rumbo a Ponts, en Lleida, para competir no campionato de España por autonomías. Será a próxima fin de semana, aínda que eles chegan unha semana antes para adestrar, sobre todo na modalidade de patrullas. Teñen moitas posibilidades de sumar medallas.