
Pantón e Ribas de Sil foron os dous únicos puntos de Galicia que superaron os 40 graos este 17 de xullo. Monforte quedou nos 39,9
16 jul 2025 . Actualizado á 19:50 h.Estaba anunciado que os termómetros subirían aínda un pouco máis este 16 de xullo. E así foi, sobre todo na Ribeira Sacra, porque este territorio rexistrou este mércores as temperaturas máis altas de Galicia. En concreto, a máis alta foron os 40,6 graos de Pantón, e a segundo os 40 de Ribas de Sil.
En todo caso, hai que precisar que a marca galega de temperatura do día márcao a estación de Meteogalicia no lugar A Míllara, unha paraxe do municipio de Pantón situado a beiras do río Miño. Trátase dunha das estacións que o servizo galego de meteoroloxía ten instaladas en enclaves de interese agrario. Atópase nunha das zonas de viñas da Ribeira Sacra que teñen un microclima especial, con temperaturas habitualmente suaves no inverno e moi cálidas no verán. O pico de 40,6 graos acadouno ás tres da tarde.
Se o marca do día se acadou a beiras do Miño, a segunda temperatura máis alta quedou rexistrada xunto ao Sil. É a da estación de Meteogalicia en San Clodio, a capitalidade do municipio de Ribas de Sil. Chegou aos 40 graos á unha e vinte da tarde.
E a terceira máis alta do día en Galicia tamén foi na Ribeira Sacra. Rexistrouse na estación situada no centro urbano de Monforte, no fondo do Val de Lemos, con 39,9 graos ás tres e media da tarde.
En xeral, o tempo máis tórrido deste mércores de mediados de xullo en Galicia sufrírono nos vales do Miño e o Sil. Noutras ocasións con condicións meteorolóxicas similares, os picos máximos acádanos en Ourense e na comarca do Ribeiro, pero esta vez foi na Ribeira Sacra. Neste territorio situado no sur da provincia de Lugo e no norte da de Ourense. só as estacións meteorolóxicas situadas nas zonas altas tiveron máxima por baixo dos 37 graos.
Para a xornada deste xoves, as previsións apuntan que segue a calor, pero cun descenso das temperaturas máximas, que só deberían superar por pouco os 30 graos.
Rexistros de temperatura do 16 de xullo do 2025 en todas as estacións de Meteogalicia na Ribeira Sacra
- A Míllara (Pantón). 40,6 graos
- San Clodio (Ribas de Sil). 40,0 graos
- Monforte. 39,9 graos
- Xabrega (Sober). 38,1 graos
- Larouco. 38,0 graos
- Bóveda. 37,6 graos
- Ponte dá Boga. 37,3 graos
- San Fiz (Chantada). 37,1 graos
- A Cunchada (Quiroga). 37,0 graos
- Monte Marroxo (Monforte). 36,2 graos
- Folgoso do Courel. 35,9 graos
- Alto do Faro (Chantada). 32,6 graos