O fútbol sala local de Monforte cumpre 43 anos

LUIS CONDE MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Barbería Princess copou a maioría dos trofeos da liga e copa popular

28 may 2025 . Actualizado á 17:32 h.

O equipo do Barbería Princess proclamouse campión da liga popular Val de Lemos, de Monforte. Na competición de veteranos, o vencedor final foi o conxunto da Pinguela, todo un histórico do fútbol sala monfortino.

Polo que respecta á Copa Popular, tanto en sénior como en veteranos, o gañador foi o Barbería Princess. En sénior, o subcampeonato recaeu no conxunto da Bendita Tolemia, mentres que en veteranos quedou deserto.

O trofeo para o conxunto máis deportivo recaeu en Carnes Terra Sacra, mentres que levou o recoñecemento a equipo máis antigo o conxunto da Pinguela. No apartado individual, Iván, do Barbería Princess, levou o galardó ao mellor xogador da competición e en veteranos recaeu no exlemista Diego Arias.

O mellor porteiro do campionato foi Fernando, do Barbería Princess, e en veteranos levou o recoñecemento Ángel, do CD José Franco. Tamén recibiron un recoñecemento os catro árbitros que dirixiron partidos nas dúas competicións que organiza a Agrupación Cultural Castelao. Foron Macía, Josiño, Xullo e Vázquez. Todos estes trofeos e galardóns foron entregados na tradicional cea de peche de tempada que se celebrou no restaurante Terra Galega, escenario no que se deron cita un centenar de comensais.

A competición local de fútbol sala suma máis de catro décadas na cidade do Cabe. E esta tempada, os dous campionatos —sénior e veteranos— reuniron a uns 200 deportistas. Foi unha campaña intensa.