O festival de música clásica da Ribeira Sacra chega á súa sétima edición

LEMOS

Un concierto ofrecido en Chantada en una edición anterior del festival
Un concerto ofrecido en Chantada nunha edición anterior do festival CEDIDA

Os concertos ofreceranse entre o 24 e o 31 de agosto en Chantada, Pantón, Nogueira de Ramuín e Vos Peares

29 may 2025 . Actualizado á 16:42 h.

Os municipios de Chantada, Pantón e Nogueira de Ramuín, así como a sede do consorcio local de Vos Peares, acollerán entre o 24 e o 30 de agosto os concertos do Fest Clásico Ribeira Sacra, que chegará este ano á súa sétima edición. Como é habitual, o programa comprenderá ademais unha serie de clases a cargo dos músicos participantes no festival ás que poderán asistir ata 24 intérpretes mozos de música de corda, que tamén poderán optar ao premio Galimusic. O prazo de solicitude para asistir a estes cursos estará aberto ata o 15 de xuño.

O primeiro concerto do festival ofrecerase o 24 de agosto na sede do consorcio local de Vos Peares e correrá a cargo de Amalia Bosch, intérprete de viola, que recibiu o premio Galimusic na anterior edición do festival. Interpretará pezas de Franz Schubert e Robert Schumann. Os concertos da nova edición centraranse en música para sextetos de corda e serán ofrecidos polos violinistas Sini Simonen e Anna Göckel, os intérpretes de viola Bryony Gibson-Cornish e Alessandro D'Amico, e os violonchelistas Alexandre Foster e Beatriz Blanco.

Tras a actuación inaugural, o 29 de agosto ofrecerase na igrexa de San Salvador de Asma  —en Chantada— o concerto «In memoriam», no que se interpretarán pezas de Maurice Ravel e Wolfgang Amadeus Mozart. O día 30, a igrexa de Santo Estevo de Atán —en Pantón— acollerá o concerto «A-g-a-h-a», con obras de Zoltán Kodály e Johannes Brahms. A última actuación, baixo o lema «Dumka», ofrecerase o día 31 e terá por escenario a igrexa de Santa Eulalia de Luíntra, en Nogueira de Ramuín. Neste caso interpretaranse obras de Ludwig van Beethoven e Antonin Dvorák.

Nesta última xornada entregaranse o premio e o accésit do xurado do certame Galimusic, e o premio do público. O premio Galimusic está dotado con 1.500 euros e o gañador ofrecerá un recital solista na inauguración da próxima edición do festival.

Do mesmo xeito que en anos anteriores, as entradas aos concertos serán gratuítas, pero é preciso realizar unha inscrición previa a través da web do festival, na dirección festclasicoribeirasacra.com. Os organizadores, doutra banda, agradecen calquera tipo de colaboración económica. Unha forma de axudar á súa continuidade é inscribirse como «amigo do festival», póndose en contacto cos organizadores mediante a referida web. Quen o faga participarán nun sorteo de produtos típicos e terán prioridade na reserva de localidades.

O festival é organizado pola asociación Ribeira Sacra Cultural co apoio da Xunta, as deputacións de Lugo e Ourense, o consorcio turístico da Ribeira Sacra, o consorcio local de Vos Peares, a Sociedade de Artistas Intérpretes ou Executantes de España, os bispados lucense e ourensán, os concellos implicados e diversas empresas