A USC dedica un curso de verán ao xacemento de Cova Eirós e o home de Neandertal

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Excavaciones en el yacimiento paleolítico de Cova Eirós, en Triacastela
Escavacións no xacemento paleolítico de Cova Eirós, en Triacastela CEDIDA

As xornadas celebraranse en xullo na Estación Científica do Courel e contarán con preto de unha trintena de especialistas

15 may 2022 . Actualizado á 20:39 h.

Preto dunha trintena de especialistas de varios países participarán nun curso de verán da Universidade de Santiago que estará dedicado ao xacemento paleolítico de Cova Eirós —en Triacastela— e á presenza do home de Neandertal en Europa. Entre os participantes estarán o paleoantropólogo portugués João Zilhão —unha das maiores autoridades mundiais nesta materia— e dous investigadores do Museo de Xibraltar.

O curso impartirase entre o 28 e o 31 de xullo na estación científica de Seoane, no municipio de Folgoso do Courel. Segundo explica o arqueólogo Arturo de Lombera, un dos codirectores, as actividades non están deseñadas para especialistas, senón que se dirixen a un público máis amplo. «Pensamos que o curso tamén pode ser de moito interese para profesores de ensino secundario e para calquera persoa interesada no patrimonio arqueolóxico e a prehistoria», di. «É unha oportunidade moi boa para poñerse ao día nas investigacións sobre o home de Neandertal, porque van participar representantes de moitos proxectos arqueolóxicos centrados nese período que se están desenvolvendo agora na península Ibérica», engade.

Nas conferencias programadas para este curso expoñeranse os últimos resultados da investigacións realizadas en Cova Eirós e noutros coñecidos xacementos neandertales, como o Abric Romaní —na provincia de Barcelona—, o val do Deva —en Cantabria— e a cova de Gorham, en Xibraltar. Outros cuestións que se abordarán nestas xornadas serán a extinción dos neandertales en Europa e a súa substitución polos humanos modernos, as técnicas de supervivencia, o uso do lume e a presenza da simboloxía e a arte nesta especie desaparecida.

O curso está cofinanciado pola Consellería de Cultura, o Ministerio de Ciencia e Innovación, o grupo de desenvolvemento local Ribeira Sacra-Courel e o geoparque Montañas do Courel. O programa de actividades comprenderá visitas guiadas ao xacemento de Cova Eirós e ás paisaxes de orixe glaciar da serra do Courel. O límite de prazas é de cincuenta. Os interesados en asistir ao curso poden informarse sobre o programa e as matrículas na páxina web gepn.jimdo.com.

Doutra banda, a Universidade de Santiago está a preparar unha nova campaña de escavacións arqueolóxicas no xacemento de Cova Eirós que levará a cabo o próximo agosto.