O cofundador da marca de xeados Ben & Jerry's detido por protestar contra a guerra en Gaza no Congreso de EE.UU.
INTERNACIONAL

«O Congreso paga as bombas que matan a nenos en Gaza», berrou antes de ser esposado con bridas de plástico e escoltado pola Policía fóra da sala
15 may 2025 . Actualizado á 16:46 h.Ben Cohen, o cofundador da mítica marca de xeados Ben & Jerry's, foi detido a tarde do mércores (noite en España) por protestar contra a guerra en Gaza durante unha audiencia no Congreso dos Estados Unidos do secretario de Saúde, Robert F. Kennedy Jr.
No medio da sesión, Cohen alzou a voz e denunciou publicamente a complicidade de EE.UU. na violencia contra civís palestinos. «O Congreso paga as bombas que matan a nenos en Gaza», berrou Cohen, un coñecido activista de esquerda, interrompendo a comparecencia de Kennedy. Cohen acusou os lexisladores de financiar armas para Israel con recortes a programas médicos nos Estados Unidos. «Deixen entrar comida en Gaza», engadiu.
Nun vídeo publicado nas redes polo grupo Codepink pódese ver como Cohen é expulsado da audiencia, esposado con bridas de plástico e escoltado pola Policía do Congreso.
En 2021, Ben & Jerry's decidiu deixar de vender os seus xeados nos asentamentos israelís de Cisxordania, como xesto de protesta pola ocupación.
Ademais, o ano pasado, Cohen, asinou un manifesto no que denunciaba a influencia do lobi proisraelí AIPAC na política estadounidense.