Restablecidas as telecomunicacións en Groenlandia tras un corte vinculado co apagamento en España
INTERNACIONAL

Algunhas zonas remotas da illa dependente de Dinamarca contan con conexión satelital dependente, entre outras, dunha estación situada na illa de Gran Canaria
30 abr 2025 . Actualizado á 08:44 h.As telecomunicacións restablecéronse en parte de Groenlandia, tras verse interrompidas o luns nun corte que aparentemente foi provocado polo apagamento en España e Portugal, segundo informou este martes o operador Tussas.
Os habitantes das zonas de Qaanaaq (norte), Ittoqqortoormiit e Tasiilaq (sueste) quedaron sen servizos de telefonía, mensaxería móbil e internet desde os 18.30 locais ata as 00.36 deste martes.
O incidente, segundo o operador groenlandés Tussas, está relacionado co apagamento vivido o luns na Península Ibérica e, en particular, cunha estación situada en Maspalomas, na illa de Gran Canaria.
Desde alí envíanse datos a un satélite responsable das telecomunicacións nas citadas zonas do territorio ártico, explicou o comunicado.
A estación abastécese a través de cables que pasan polo territorio peninsular e por Dinamarca, así como polos Estados Unidos, sinalou o operador, que indicou que o apagamento levou a que algúns equipos deixasen de funcionar.
«Os desafíos relacionados coa enerxía en España poden afectar en contadas situacións a comunicación en Groenlandia, que é o que ocorreu onte», declarou o director de operacións de Tussas, Jonas Hasselriis.
«Tomamos moi en serio o noso labor e a seguridade da subministración e estamos a investigar seriamente o incidente. Incorporaremos as leccións aprendidas deste apagamento no noso traballo futuro», salientou. Cabe destacar que varias zonas remotas da illa de Groenlandia só contan con conexión satelital.