«Portugal non é país para gañar diñeiro»

María Cedrón O Porto

INTERNACIONAL

aclamación mejuto

O salario mínimo, un dos ganchos para atraer multinacionais, é un tema que preocupa na rúa e que recollen os programas dos partidos

26 ene 2022 . Actualizado ás 19:05 h.

Os camións entran e saen do parque empresarial Polo 2, en Vila Nova de Cerveira, o segundo concello da rexión Norte de Portugal (aglutina 86 municipios) con maior nivel de exportacións dentro do sector do automóbil (un 23,1%): «Practicamente o 90 % das empresas que están neste polígono son auxiliares do sector do automóbil -o resto son, fundamentalmente dos sectores naval e conserveiro- e sobre un 40 % do persoal vén traballar desde España», calcula ás toas un empregado do polígono. O número de persoas que cruza a raia desde Galicia para sumarse ás cadeas de produción das empresas deste parque, situado a tan só dez quilómetros da fronteira, creceu ao ritmo no que se han ir instalando multinacionais atraídas polo menor custo do chan, unha burocracia máis laxa e tamén polos competitivos salarios de Portugal. Porque aínda que o Goberno do primeiro ministro e candidato do Partido Socialista (PS) nas eleccións do próximo domingo, António Costa, aprobou subir o salario mínimo (SMI) ata os 705 euros para este ano, a fenda con España, onde está en 965 euros  en catorce pagas, aínda é pronunciada.

Continuar subindo o soldo mínimo a un ritmo sostido ata acadar os 900 euros no 2026 como defende o PS ou ir axustándoo acorde á inflación e á produtividade, sen entrar en cifras, como suxire o PSD, é un asunto que non só se desliza nos programas dos dous principais partidos que concorren aos comicios do domingo, tamén nos do resto de formacións. O Bloco de Esquerdas promete chegar aos 905 euros ao final da lexislatura; o Partido Comunista Portugués (PCP), que concorre coaligado cos Verdes do PEV na Coalición Democrática Unitaria (CDU), quere elevalo a curto prazo ata os 850 euros (800 xa este ano); mentres que partidos de dereita como Iniciativa Liberal ou Chega limítanse a defender un aumento líquido das remuneracións.

Pero máis aló do que digan os programas ou o que se falou sobre o asunto durante os debates entre partidos, o tema do salario mínimo ten moito eco nas rúas. «Portugal non é un país para gañar diñeiro, é para vivir estable e nadamáis . Para gañar diñeiro hai que ir aos Países Baixos..., ao norte de Europa», explica Pedro, un mozo de 18 anos de Moledo, unha freguesía portuguesa do municipio de Caminha, distrito de Viana do Castelo, que xusto hoxe comeza a traballar nunha multinacional alemá dedicada á fabricación de volantes de coche. Tamén será o primeiro día de traballo para Leandro, outra novo adestrador de fútbol de 22 anos de Vila Nova de Cerveira que, do mesmo xeito que Pedro, encara a votación do domingo con escepticismo porque, como di, «tal e como están as cousas non creo que supoña un cambio real; para iso tería que haber unha completa remodelación dentro dos partidos».

Para estes mozos, do mesmo xeito que para outros dos seus compañeiros de traballo, o seu problema máis inmediato non é o desemprego porque, como di Mari, «traballo hai». O índice de paro, segundo os datos do Banco de Portugal facilitados o mes pasado, estaba nun 6,6 % no 2021, un índice que segundo as súas proxeccións debería de baixar ata o 6% este ano. Esta muller de 54 anos, que vive en Ponteareas, agradece ademais que en Portugal, á hora de contratar, non mira ninguén a idade: «Non importa os anos que teñas, á miña idade en España non che contrata ninguén». A cuestión é que «o soldo é máis baixo, pero ao facer a quenda de noite o completas coa nocturnidade».

Miguel Monteiro, un lisboeta que se mudou ao norte «polo traballo e pola maior calidade de vida», nota ben o peso duns salarios baixos comparados con España: «Os soldos son moi baixos, máis que en España, mentres a inflación continúa subindo», di. Iso que Portugal rexistrou unha taxa de inflación interanual en decembro do 2,8 %, a segunda máis baixa entre os países da UE, segundo Eurostat.

Pero as cifras macroeconómicas impórtanlle pouco a Miguel, quen tivo que deixar Lisboa por un asunto tan fundamental como o traballo e o alto prezo da vivenda. Agora paga un alugueiro de 400 euros ao mes en Moledo, algo impensable na capital. Na ecuación hai outro asunto que suma. É o salario medio, aínda por baixo da media europea. O PSD prometeu nivelalo á alza. Pero esa é outra historia.