A accidentada substitución na presidencia da primeira potencia mundial vai supor a reincorporación de EE.UU. ao acordo de París que intenta de frear o cambio climático que sofre o mundo, pero tamén se albisca como determinante para cambiar o clima político que viven Cuba desde hai xa 60 anos e Venezuela nas dúas últimas décadas. O paso do ciclón Trump pola Casa Blanca, segundo meteorólogos políticos solventes, non contribuíu a resolver ningún dos dous problemas, máis ben agravounos.
En Cuba, tras o cúmulo de erros cometidos polos sucesivos inquilinos da Casa Blanca, o panorama non é o que era. Xa morreu o mítico Fidel e o seu irmán Raúl, herdeiro do trono, deixouse a presidencia, hai tres anos. Antes protagonizou o intento de normalización de relacións con EE.UU. Había sido unha iniciativa de Obama, cando Biden era o seu vicepresidente, pero durou pouco.
Chegou Trump, quen aproveitou a denuncia dunha vintena de diplomáticos da Embaixada na Habana, reaberta por Obama o 20 de xullo de 2015, e produciuse o consecuente retroceso no pouco que se avanzou na normalización de relacións. De nada serviu que estudos realizados pola universidade californiana de Berkeley e a Lincoln no Reino Unido coincidisen en identificar eses ataques acústicos: eran provocados polo frotamiento das ás esclerotizadas do grilo antillano durante o cortexo.
A reactivación do histórico embargo ao que está sometida a illa desde os 60 e, máis recentemente, a pandemia afectaron de cheo ao turismo, a súa principal fonte de ingresos. A todo iso sumouse a drástica caída de xenerosos subsidios venezolanos en subministración de petróleo para consumo interno e incluso para reexportar, tras a caída en picado da produción da petroleira estatal PDVSA.
E o último foi o anuncio de importantes reformas económicas que cada vez se distancian máis do modelo produtivo implantado hai 60 anos. Acaban de autorizar a entrada do sector privado en preto de 2.000 actividades produtivas, cando ata o de agora estaba limitado a 127. Isto facilitará a entrada de investimentos estranxeiros que contribuirán a reactivar unha economía que o último ano contraeuse un 11 %, o peor retroceso das tres ultimas décadas.
E Venezuela, que?
Os avances que consiga facer Biden na normalización de relacións con Cuba van xogar un papel crave con Venezuela, o outro fronte que ten aberto na rexión.
A evolución da situación en Venezuela, especialmente desde a desaparición de Chávez, deixou meridianamente claro que Cuba é o piar básico que sostén ao réxime de Maduro, que á súa vez veu xogando un papel crave no sostemento económico da illa. Trátase, en definitiva, dun matrimonio de conveniencia.
Na medida en que Biden ofreza garantías claras de que a súa oferta vai en serio, de se lle botan unha man para convencer Maduro de que se vaia polas boas, o de Venezuela empezará a coller outra cor.
Tampouco se pode descartar que países que nestes momentos están aliñados con Maduro, como Rusia, China, Irán e Turquía, e estano/estáno máis por conveniencia que por devoción, acepten marcar distancias con el, aínda que sexa a cambio de concesións e acordos en temas bilaterais de maior envergadura.
Todo iso pode contribuír de forma determinante a facerlle ver aos que teñen nas súas mans o destino dun país que cada día avanza un pouco máis cara ao precipicio, que, a pesar de todos os excesos que cometeron nos últimos anos, aínda existe marxe para saídas non demasiado indignas.
Revisar sancións económicas
Joe Biden, polo de súpeto, xa dixo que está disposto a revisar as sancións económicas que puxeron ao réxime contra as cordas. A oposición, a real, non a que só opera nas redes sociais, tan criticada polos personalismos que foron aflorando co paso dos anos, xa constatou que se se xuntan, son máis e que poden gañar, a pouco que desde o poder se respecten minimamente as regras de xogo democráticas
Con todo, os que seguen de preto desde hai anos a realidade venezolana advirten que o problema non son só os Maduro, Diosdado e adláteres, senón os poderes fácticos que teñen moito que perder se o actual estado errado volve ser un Estado de Dereito.