A figura de Claudio Giráldez e o traballo do seu corpo técnico permitiron fabricar un equipo con múltiples respostas e recursos, preparado para grandes desafíos
21 mar 2026 . Actualizado á 05:00 h.«Agardo que ninguén se fixe nel», di Javi Rueda de Claudio Giráldez; «oxalá non se cansen de aguantarme», apunta o porriñés do seu corpo técnico. Entre todos, que son multitude -unha vintena, cun núcleo duro de cinco persoas-, fabricaron un Celta de laboratorio, gañador, coa ideas claras, camaleónico, coas cargas moi reguladas e con todos os xogadores igual de enchufados e importantes. En Lyon houbo tres baixas de consideración e non se notaron; o Olympique afogara coa súa presión ao Celta en Vigo, e os celestes cambiaron a partitura para sorprender aos galos. Sempre hai solucións no caderno de Claudio e o seu garda pretoriana.
O ARTÍFICE
Claudio fixo do Celta un equipo gañador en dous anos
Giráldez é a peza angular do proxecto. Colleu un Celta instalado na supervivencia e converteuno nun equipo gañador. Nun ano complicado pola esixencia do calendario —xa xogaron 43 partidos—, o equipo é sexto na liga e está en cuartos de Europa League. «Oxalá ninguén se fixe en el», dixo Javi Rueda en Lyon. Da súa man chegaron unha chea de canteiráns e xogadores do B a Primeira División.
Ler máis: O estado de felicidade do Celta
O CORPO TÉCNICO
O traballo na sombra de Róber Fernández e compaña
Róber Fernández, David Areal, Laura Centoira e Cristian Fernández forman a garda pretoriana de Claudio Giráldez. Todos eles subiron co porriñés desde o filial e os catro son os que cada día traballan entre bambalinas para que o técnico pode tomar as mellores decisións posibles. O primeiro adestrador tivo unhas palabras para eles o xoves. Ademais deste nucleo duro, outras quince persoas suman á causa, comezando por Borja Oubiña, Álex Andújar ou Nando Villa, entre outros. «Teño un corpo técnico que é espectacular. Eu son a cabeza visible deles e o que máis estorba, xeralmente. Porque son pasional e creo que me dan a paz, a calma e a parte técnica que necesitamos. Somos moitos, todos somos de aquí e pasamos pola canteira; coñécenme máis que a miña nai. Creo que nos complementamos moi ben e traballamos como unha máquina. Só podo agradecerlles o seu día a día e que me aguanten durante tantos anos», comentou o adestrador.
PODER DE TRANSFORMACIÓN
O Lyon quedou noqueado co cambio de plan de partido
En termos futbolísticos, o Lyon foi superior en Vigo. Presionou alto, afogou a saída de balón do Celta e superou a súa primeira liña de presión sen maiores dificultades. Ante isto, o porriñés respondeu cun cambio de sistema (1-4-1-4-1) e cunha presión á altura da área rival tan intensa que os francesas apenas podían saír. Cando o guion indicaba que o Celta tería que achicar auga e transicionar decidiu ir a polo rival desde o saque inicial. O plan deseñado no laboratorio de Afouteza saíu perfecto.
A CLAVE
Un persoal de 28 xogadores onde todos son importantes
Non é doado ter cada día a case 30 xogadores para adestrar e menos que todos eles sentan importantes. Claudio, coa súa política de rotacións, conseguiuno . En Lyon faltaban tres xogadores fundamentais e o equipo non o notou. Non botou de menos a saída de Óscar Mingueza, o equilibrio de Miguel Román nin os goles de Borja Iglesias. O Celta xogou doutro xeito pero chegou ao triunfo con Sergio Carreira, Fer López e Pablo Durán como novidades. Tanto normalizou Giráldez a súa política de rotacións e xa ninguén se estraña que Iago Aspas comece como suplente incluso na súa competición predilecta. Non fai moito, xogar sen o moañés era un drama, pero hoxe forma parte do cotián.
O PODER DOS CAMBIOS
Goles e xogadores determinantes desde o banco
O Celta acumula na liga 14 goles de xogadores saíndo desde o banco. Por esa vía, pola dos cambios, chegou na resolución de oitavos da Europa League a sentenza da eliminatoria co gol de Ferran Jutglà, un exemplo máis da importancia que teñen as substitucións para Giráldez. Antes, a irrupción de Hugo Álvarez na contenda resultou determinante para atopar unha vía de auga no rival. O ourensán, que aos poucos volve ao seu mellor nivel, non ten a etiqueta de titular, pero cada vez está a ser máis determinante.