O Celta Integra participou por primeira vez na Copa Superación do Atlético de Madrid
BANCADA DE RÍO
O conselleiro Antón Álvarez acompañou aos futbolistas celestes nesta nova experiencia
23 dic 2025 . Actualizado á 05:00 h.O Celta Integra, equipo do club vigués formado por deportistas con discapacidade intelectual, participou por primeira vez esta fin de semana na Copa Superación, torneo organizado por el Atlético de Madrid que acadaba a súa cuarta edición. Estiveron acompañados polo conselleiro Antón Álvarez, que destacou en declaracións ao club organizador o «ambiente marabilloso» que se viviu nesta cita.
«Foi unha grande oportunidade para Celta Integra, que sempre dicimos que é o corazón do club, para vivir unha enorme experiencia e estamos moi agradecidos á Fundación do Atlético de Madrid. É algo marabilloso para os xogadores e as familias. É bo que, a través de iniciativas como a Copa Superación, os rapaces poidan integrarse, crecer, ter un grupo de amigos, ter novas experiencias…», reflexionaba Álvarez.
Máis de cen xogadores e xogadoras de diferentes idades e nacionalidades déronse cita neste torneo, sendo, destacan desde a organización, «un verdadeiro exemplo inspirador de coraxe e corazón demostrando que os valores do fútbol e o balón, como nexo de unión, son unha ferramenta idónea de transformación social». Á parte dos célticos e os anfitrións participaron PSG For Communities, Escola Social de Alacante, Escola Fútbol Adaptado María Corredentora, Fundación Querer, Escola Fútbol Adaptado de Arganda del Rey.
Visita ao @Metropolitano:
— Celta Integra Zelnova (@CeltaIntegra) December 20, 2025
?? pic.twitter.com/ypmfxa2vid
O conxunto vigués, que cumpre este ano o seu primeiro decenio, compite a nivel nacional e autonómico, á parte de realizar outras actividades e estar plenamente integrado na estrutura do club, exercendo os seus membros de recollebalóns en partidos da Celta Fortuna ou de voluntarios en iniciativas como a Invasión Celeste.