O Celta, o terceiro mellor visitante da liga, perdeu cinco partidos a domicilio en todo o ano
BANCADA DE RÍO
A de Elxe é a única derrota dos últimos oito meses lonxe de Balaídos en liga
22 dic 2025 . Actualizado á 05:00 h.O Celta marcha ao parón como o terceiro mellor visitante da liga tras 17 xornadas, pero tomando como referencia todo o ano natural, o conxunto vigués só perdeu cinco partidos en doce meses, un só nos últimos oito meses.
Na clasificación como visitantes, os de Claudio Giráldez só se ven superados polo Real Madrid, que sumou 21 puntos en 10 saídas, e o Barcelona, que tras gañar en Vilarreal, pecha o ano con 19 puntos en nove partidos como visitante, aínda que, curiosamente, perdeu un partido máis a domicilio que o Celta, que é terceiro con 15 puntos despois de sumar catro triunfos, tres empates e unha única derrota, a de Elxe en setembro (2-1).
O do Martínez Valero é o único revés celeste nos últimos oito meses, porque á marxe do partido ante a escuadra de Eder Sarabia, para atopar unha derrota dos célticos hai que retrotraerse ao 4 de maio no Santiago Bernabéu, cando o Madrid gañou por 3-2. Antes, o Barcelona impuxérase por 4-3 en Montjuic e con anterioridade caeu por 2-1 ante o Valencia e o Raio Vallecano.