Encarrilar a clasificación europea e gañar ao noveno intento na casa en liga, os desafíos para un Celta que pode mellorar a primeira volta da 24/25
10 dic 2025 . Actualizado á 05:00 h.Impulsado pola onda do triunfo no Bernabéu, o Celta pecha o pano polo 2025 como local por partida e reto dobres. O xoves necesita certificar a súa presenza na segunda fase da Europa League, e para iso ten que derrotar ao Bolonia, da Serie A, e o domingo, acabar coa conta pendente de non gañar aínda como local en liga despois de oito partidos disputados. O rival será o Athletic Club, sétimo clasificado e con catro de marxe sobre un equipo vigués que ten un punto máis que a tempada pasada a estas alturas e que está en condicións de superar os 24 que lucía á conclusión da primeira volta. Un triunfo sobre os biscaíños abriría as portas aos vigueses de meterse na loita continental.
O Bolonia é o equipo que agora debe centrar o foco. Os italianos, que marchan como un tiro na súa liga, na que son quintos por detrás da nobreza transalpina, chegarán a Vigo cun punto menos que os nove que o Celta na competición continental. Fóra de casa, ata a data, xogaron dous partidos: o primeiro perderon por 1-0 en Londres co Aston Villa e no segundo, gañaron en Romanía ao Steaua: 1-2. En toda a competición, non encaixaron máis dun gol por partido.
O Celta, pola súa banda, gañou os dous partidos de casa, ante o PAOK e o Niza, e se é capaz de enlazar un terceiro triunfo como local, terá virtualmente asegurada a rolda de play off, abríndoselle de novo as portas para entrar no top-8, o que deixaría en evidencia a predición da LFP, que aventurou que os vigueses serían o 28 dos 34 participantes.
Catro días despois, o partido co Athletic debe estar marcado en vermello a todos os niveis, porque o Celta non se pode permitir unha xornada máis seguir sen gañar como local. Polo momento, en oito partidos, acumula cinco empates e tres derrotas, as dúas últimas, seguidas, ante o Barcelona e o Espanyol, e os vigueses xa igualaron o seu peor serie de sempre. Con Rafa Benítez gañaron ao noveno intento, tamén en decembro, ante o Granada co taconazo de Strand Larsen. Vencer ao Athletic sería encadear por segunda vez este curso dous triunfos en liga, xa que o precedente anterior fala de dúas vitorias a domicilio: O Sadar e o Ciutat de Valencia.
Curiosamente, nun ano de tanto trafego de partidos, ten mérito que o Celta se manteña á boia tendo o seu celeiro a domicilio, pois como visitante cultivou 14 dos 19 puntos. Os de Giráldez enlazan catro encontros gañados lonxe de Vigo e na última fin de semana competitiva do ano buscarán a quinta en Oviedo.
Mellorar a primeira volta
Eses excelentes rexistros como visitante pon ao Celta en disposición de mellorar os números da pasada tempada no ecuador. Fai algo menos dun ano, os vigueses completaron a primeira volta con 24 puntos e agora teñen catro partidos por diante (doce puntos) para superar esas cifras, que significarían ter máis de media salvación.
Todo, nunha tempada na que xa acumulan 23 partidos oficiais en tres competicións diferentes nas que segue vivo o equipo camiño de superar o paso do ecuador do curso, un dato que lembra Claudio Giráldez cada vez que ten ocasión. Cando cheguen ao receso do Nadal, serán 27 contendas en pouco máis de tres meses. Un reto a todos os niveis.