O catalán foi o único céltico que repetiu respecto ao once do Narcís Sala, fronte ao Sant Andreu
08 dic 2025 . Actualizado á 11:22 h.Óscar Mingueza, que o xoves disputou a prórroga e foi un dos que marcou o seu penalti na segunda rolda copeira ante o Sant Andreu no Narcís Sala, foi o único que repetiu no once do Celta. Na formación inicial dos celestes non estaba Iago Aspas, senón que o adestrador apostou polo traballo de Pablo Durán -a pesar de que viña arrastrando molestias no ombro que se fixeron patentes nada máis comezar o partido- para presionar a primeira liña do rival. O resto da formación foi a agardada en función dos descansos.
Respecto ao equipo que sacara o preparador a semana anterior fronte ao Espanyol, con todo, había moitas similitudes, con oito xogadores coincidentes. Os cambios foron as entradas de Ilaix Moriba -que non viaxara a Barcelona- o propio Mingueza e Pablo Durán por Javi Rueda, Fran Beltrán e Iago Aspas, que participaron na segunda metade.
Cambios craves para sentenciar
Sabía Claudio Giráldez na previa, e de feito díxoo, que necesitaba pernas frescas importantes para a segunda metade e o plan de partido funcionou á perfección, porque os cinco xogadores que entraron desde o banco foron importantes. Williot marcou os dous goles, Aspas deu unha asistencia, Javi Rueda foi un secante na dereita e tanto Beltrán como Jutglà cumpriron á perfección.