O futbolista vigués, que xa reaparecera en Copa co Elxe tras unha longa lesión, tivo fronte ao Barcelona os seus primeiros minutos en liga
03 nov 2025 . Actualizado á 09:36 h.O futbolista vigués Yago de Santiago, da xeración do 2003, debutou este domingo en Primeira División. Futbolista do Elxe desde o verán do 2024, acaba de deixar atrás unha longa lesión -cava de ligamento curzado- sufrida en xaneiro, nun partido fronte ao Eibar no Martínez Valero. Nese momento, o equipo militaba na categoría de prata e acabou conseguindo o ascenso.
O extremo saltou ao campo en substitución de Germán Varela á falta de vinte minutos para a conclusión do partido entre os ilicitanos e o Barcelona, disputado no Estadio Olímpic Lluís Companys e no que se impuxeron os de Hansi Flick por 3-1. «Soño cumprido o meu debut na liga. Imos con todo para o que vén», escribiu na súa conta de Instagram o excéltico, que chegara á Madroa desde o Areosa e que deixou o club vigués no 2019 rumbo ao Tottenham.
Non eran os seus primeiros minutos en partido oficial, senón que eses chegaran na mesma semana, en Copa do Rey. no triunfo por 0-4 ante Os Garres dos de Eder Sarabia. «Que sensación volver gozar do que máis me gusta, 274 días agardando a facelo», expresaba para logo abrir o capítulo de agradecementos. «Quería dar as grazas a todos os meus compañeiros, staff, directiva, equipo medico e todos os traballadores do Elxe por todo o apoio e o cariño neste proceso, tamén agradecer á afección por todas as mensaxes de amor nestes meses. Con moitas ganas de seguir sumando e preparándome para os retos que veñen», apuntaba.
Excompañeros do Celta como Damián Rodríguez, Hugo Sotelo, Pablo Meixús, Stefan Bajcetic, Nico Rodríguez, Anwar Mediero, Robert Carril ou Erik Bugarín aplaudían e celebraban que estea de volta. «Benvido ao lugar que che corresponde. Benvido á liga, Yago!», escribían desde o seu club. A tempada pasada, na súa estrea na Segunda española, interviñera antes de lesionarse en 18 partidos, todos como titular, superando os 1.300 minutos e anotando dous goles.