Starfelt volve ao parte médico e é baixa para Elxe

LA VOZ VIGO

BANCADA DE RÍO

RC CELTA

Claudio Giráldez segue sen poder contar con Sergio Carreira e Mihailo Ristic para a visita do Celta ao Martínez Valero

27 sep 2025 . Actualizado á 15:38 h.

O central do Celta Carl Starfelt volve ao parte médico tres partidos despois de reaparecer tres cinco meses sen poder disputar un partido oficial. O internacional sueco sufriu o xoves ante o Stuttgart unha escordadura e unha contusión no nocello dereito que fan que se sume a Mihailo Ristic e Sergio Carreira como baixas para o duelo fronte ao Elxe no Martínez Valero deste domingo. Joseph Aidoo volve ser descarte unha vez máis.

O técnico do equipo vigués, Claudio Giráldez, xa comentaba na previa do partido que o xogador era dúbida, aínda que estaba pendente de coñecer o alcance das molestias que sufría. «A maioría recuperaron ben. Preocúpanos un pouco máis Starfelt, que se torceu o nocello nunha acción e teno un pouco inchado. A ver como chega», dicía o porriñés. Minutos máis tarde, dábase a coñecer o parte médico coa lesión que lle deixa fóra.

Pola contra, mantense na lista e suma a súa primeira convocatoria en liga na presente tempada Franco Cervi, que viaxou a Suttgart, pero foi descarte sobre a relación de 25 xunto ao porteiro Marc Vidal. «Evidentemente, ten posibilidades», dicía preguntado polo arxentino. Como tamén o afirmaba sobre Damián Rodríguez, estendéndose máis co ponteareán. «Está cada vez traballando mellor, sabemos o que nos pode dar, e como dixen, se segue traballando terá a súa oportunidade, como creo que merece».

A lista completa de convocados fórmana Iván Villar), Radu, Marc Vidal, Óscar Mingueza, Ilaix Moriba, Borja Iglesias, Fran Beltrán, Ferran Jutglà, Iago Aspas, Franco Cervi, Manu Fernández, Damián Rodríguez, Bryan Zaragoza, Miguel Román, Javi Rueda, Pablo Durán, Williot Swedberg, Marcos Alonso, Hugo Sotelo, Hugo Álvarez, Carlos Domínguez, Yoel Lago, Javi Rodríguez e Jones O-Abdellaoui.