Bryan Zaragoza tería que xogar o 60% dos minutos das tres competicións para facer obrigatoria a compra

LA VOZ VIGO

BANCADA DE RÍO

CELE RODRÍGUEZ

A outra condición é que o equipo de Claudio Giráldez remate entre os once primeiros clasificados

03 sep 2025 . Actualizado á 05:00 h.

O Bayern de Múnic, cando introduciu a cláusula dos minutos na cesión de Bryan Zaragoza, para que a compra se converta en obrigatoria, non debeu reparar na estatística dos xogadores con Claudio Giráldez. Porque para que o andaluz quede, ten que xogar o 60% dos minutos nas tres competicións nas que vai tomar parte do Celta, algo moi difícil neste equipo para un xogador de campo e, especialmente, para os dianteiros. Iso, e que o equipo acabe entre os once primeiros, que tampouco é unha cuestión sinxela tendo en conta o histórico dos últimos anos.

Polo momento, Bryan xogou 114 minutos, o que sería un 31,6% sobre o total dos 360 de liga disputados polo Celta. O extremo deixou claro o domingo que xa está en condicións de achegar, e tivo desborde e participación no partido ante o Vilarreal, pero foi substituído aos 62 minutos, que son o seu tope ata a data.

Tendo en conta que o Celta disputará esta tempada un mínimo de 47 partidos, o que suporían 4.230 minutos, o xogador cedido polo campión alemán debería estar no campo 2.538. Como exemplo, o curso pasado, Borja Iglesias foi o atacante máis utilizado e quedou nos 1.963 minutos, seguido polos 1.745 de Iago Aspas. A campaña pasada, os vigueses disputaron 42 partido entre liga e copa. Tampouco se pode descartar, no caso de que non se cumpran os dous preceptos, que o xogador non poida quedarse igual no caso de que firme unha boa tempada. O Celta sempre terá a posibilidade de negociar a cláusula de 12 millóns.

Que operacións e decisións do Celta no mercado de verán do 2025 foron acertadas e cales non?