A negociación para renovar a Mingueza, en punto morto

LA VOZ VIGO

BANCADA DE RÍO

Xoán Carlos Gil

A situación con Fran Beltrán é similar, mentres a ampliación de Marcos Alonso si está preto

21 ago 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Non hai avances para renovar a Óscar Mingueza. O catalán acaba contrato o 30 de xuño próximo e, nestes momentos, a negociación está en punto morto, o que significa que o xogador será axente libre o 1 de xaneiro próximo. Tampouco hai ningún movemento no tema Fran Beltrán, todo o contrario que con Marcos Alonso, que apunta a unha terceira tempada en Vigo.

Óscar Mingueza chegou ao Celta no verán do ano 2022, asinou ata o 2026 e acaba de iniciar a súa cuarta campaña como xogador celeste. Da man do equipo vigués, acadou a internacionalidade absoluta, logrou unha importante revalorización e nos últimos mercados sempre foi un dos xogadores susceptibles de saír, aínda que finalmente continuou en Vigo.

Agora podería estar ante o seu último ano, aínda que neste caso non lle vai afectar, como si sucedeu noutras ocasións no Celta, e Claudio Giráldez poderá seguir contando con el. «É algo normal no fútbol. Creo que nunca pasou que un equipo empece sen que un xogador estea no seu último ano de contrato», comentou o técnico antes do inicio de liga.

Lembraba que para o club vigués, o mercado «foi o suficientemente movido entre entradas, saídas, renovacións de xente que xa acababa neste propio verán para poder seleccionar todo». Agregaba que lle consta que todos están en conversacións co club todos e a partir de aí, ten «a tranquilidade de que se chegase a un acordo con eles» e que todos sairán «ben parados, como pasou co resto de xogadores». De entrada, Mingueza seguirá sendo unha peza importante e o devir dos próximos meses marcará o futuro.

Sen novidade con Beltrán

A mesma situación repítese con Fran Beltrán, que sete anos despois pode estar a vivir o seu último curso no Celta, ao que chegou sendo un neno no verán do 2018 tras pagar o conxunto vigués a cláusula ao Raio Vallecano. A ampliación do seu contrato non se move desde o curso pasado.

Marcos Alonso, preto

Estes dous escenarios chocan co de Marcos Alonso, que vive a súa segunda tempada no Celta e todo indica que non será a última. O club móstrase optimista en poder chegar a un acordo nunha data próxima para ampliar a vinculación despois do seu fantástico rendemento do primeiro curso en Vigo.

Os célticos xa renovaron recentemente a Carlos Domínguez, Swedberg, Yoel Lago e Sergio Carreira.