Gael Alonso deixa o Celta, club da súa vida: «Chegou o momento que nunca quixen que chegase»

LA VOZ VIGO

BANCADA DE RÍO

M.MORALEJO

O ata o de agora capitán da Celta Fortuna pecha etapa como un celtista máis que sempre levará ao club no corazón

11 jul 2025 . Actualizado á 09:45 h.

O capitán da Celta Fortuna 2024/2025, o canteirán Gael Alonso, despediuse do celtismo a través da súa conta de Instagram unha vez oficializado a súa fichaxe polo Andorra. O futbolista vigués, chegado ao club celeste sendo benxamín tras iniciarse no club do seu barrio, o Teis, dá o salto ao fútbol profesional, aceptando unha proposta que lle levou a rexeitar a de renovación que lle presentara o club celeste para continuar no filial.

Pese ao gran paso deportivo que suponel, a despedida non é un momento doado para o central. «Despois de quince anos, chegou o momento que nunca quixen que chegase, tócame separar camiños co club da miña vida. Gustaríame acabar doutro xeito, pero hai veces nas que hai que tomar decisións e esta é unha de elas», afirma. E agrega: «Vou tranquilo de dar todo cada día polo club que quero, o que me deu a oportunidade e axudoume a ser mellor».

Deixa atrás Alonso «uns anos incribles» nos que creceu « moito como futbolista, pero sobre todo como persoa». Tamén alude a aqueles con quen se cruzou ao longo deste tempo. «Levo recordos de moitas persoas incribles, desde compañeiros a membros do corpo técnico. Grazas a todos pola axuda diaria e polo apoio que recibín nos momentos difíciles», agradece. E pecha o texto acordándose da afección: «Grazas polo apoio que me destes nos bos e nos malos momentos. Moitas grazas a todos, sempre serei un celtista máis e levareivos no corazón. Ala Celta».