Fer López, ao celtismo: «A intención era xogar en Europa con este gran club»

LA VOZ VIGO

BANCADA DE RÍO

Óscar Vázquez

O canteirán do Celta lamenta a desilusión que a súa marcha provocou na afección e asegura que ten a esperanza de volver ao club da súa vida

21 jun 2025 . Actualizado á 19:12 h.

O canteirán e ata este sábado xogador do Celta Fer López publicou un texto de despedida tras facerse oficial a súa marcha ao Wolverhampton. Máis de 24 horas despois do anuncio, o futbolista vigués pronunciouse e non quixo obviar o malestar que o seu adeus xerou na afección do club onde se formou desde os nove anos. Así, diríxese de xeito directo ao celtismo para asegurar que non tiña outra intención que competir en Europa League co cadro celeste, aínda que non vaia ser así.

López di «sentir a desilusión» que a súa saída provoca na inchada celeste. «Grazas, grazas e grazas de todo corazón a vós, afección. Demostrástesme moito cariño e  fixéstesme sentir moi querido durante todos estes anos. Sento a desilusión que sentides coa miña marcha. A intención era xogar en Europa con este gran club, iso non o dubidedes nunca. Sempre vos levarei no meu corazón, alá onde vaia», sostén. Afirma irse con «moita pena» do que cualifica como o club da súa vida, no que foi «tan feliz». «Pero (vou) coa esperanza de volver algún día, a ilusión de enfrontarme a novos retos e coa satisfacción de prestar a miña axuda ao club sempre que este a necesitou», desliza.

López subliña que está ante un momento «moi difícil e especial» ao deixar atrás a que foi a súa casa durante doce anos, onde puido cumprir o seu soño, engade. Grazas ao club, ao corpo técnico, aos grandes adestradores e compañeiros que tiven e a todo o persoal que me axudou a ser o xogador que son, grazas pola súa axuda constante durante todos estes anos. Grazas á miña familia e amigos, fostes tamén unha parte fundamental neste camiño polo voso apoio incondicional, di tamén. E pecha o texto desexando sorte a todos e cun «ala Celta».