O Celta sae en defensa de Fer López e asegura que club e xogador «foron da man en busca dun acordo beneficioso para todos»

LA VOZ VIGO

BANCADA DE RÍO

CARLA BERNARDEZ

Ante «mensaxes inapropiadas e insultantes», a entidade agradécelle o seu comportamento e déixalle as portas abertas de cara ao futuro: «Sempre será un dos nosos»

20 jun 2025 . Actualizado á 22:17 h.

O Celta quixo pronunciarse na noite deste venres, horas despois de oficializarse o traspaso do seu canteirán Fer López ao Wolverhampton, sobre a marcha do xogador a raíz dos comentarios que se lle veñen dirixindo xa non desde que se comunicou o seu adeus, senón desde que se empezou a ver que o seu adeus era unha posibilidade real. «Ante as noticias xurdidas nos últimos días en diferentes medios de comunicación e o debate suscitado nas diversas redes sociais sobre a fichaxe do xogador Fernando López González polo Wolverhampton, nalgúns casos con mensaxes inapropiadas e insultantes, o RC Celta quere en primeiro lugar agradecer o comportamento que tivo o futbolista co club en todo momento», arrinca o texto publicado na web do club.

Lembran que «Fer López forma parte da canteira celeste desde categoría benxamín e desde o día no que ingresou nas categorías inferiores comportouse de maneira exemplar cos seus compañeiros, corpos técnicos e rivais e defendeu con orgullo o escudo e os valores deste club». A continuación, abordan as circunstancias da súa saída. «O RC Celta quere destacar que, aínda que a intención inicial do xogador non era abandonar o club este verán, xurdiu unha oferta da Premier League que colmaba as expectativas de todas as partes, que en todo momento foron da man en busca dun acordo beneficioso para todos», aseguran.

Para rematar, inciden en que «as portas do club sempre estarán abertas para un xogador, celtista de corazón, que emprende un novo camiño», mencionando que segue os pasos de «tantos outros canteiráns, que alá onde foron sempre mostraron un gran orgullo e un agarimo polo club no que creceron». «Fer López sempre será un dos nosos. Sorte, Fernando», finalizan.