
O porriñés dirixirá este martes en Anoeta o seu encontro número 50 no primeiro equipo do Celta con 22 triunfos, 19 na liga e tres na Copa
12 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.Catorce meses despois de facerse coas rendas do primeiro equipo Claudio Giráldez cumprirá este martes en Anoeta o seu partido número 50 como adestrador do Celta. Faio co equipo na crista da onda, situado na sétima posición a tres xornadas da conclusión da tempada. Nos 49 partidos que xa dirixiu, o seu equipo gañou en 22 ocasións, 19 delas en liga e tres na Copa do Rey, o que sitúa a súa porcentaxe nun 44,8% (42,2% na liga). Ademais, empatou nove partidos e perdeu os 18 restantes (17 en liga e o do Bernabéu no torneo do ko). O do Porriño converteuse nun dos técnicos con máis impacto inmediato na historia do conxunto vigués.
Máis aló dos números, Claudio Giráldez foi capaz de trasladar a súa idea de fútbol á máxima categoría e crear un equipo de autor, valente incluso nos contextos máis desfavorables. Como exemplo, ser capaz de marcar dous goles e gañar un partido con dez xogadores como o pasado sábado e de estar a piques de equilibrar un 3-0 en contra ante o Real Madrid no seu estadio.
Claudio respondeu en todos os escenarios. O curso pasado, cando lle deron a misión de salvar a un equipo que ía á deriva con Rafa Benítez. Fíxoo apostando polo seu 3-4-3, pola presión alta e o xogo de ataque, todo o contrario do vivido ata entón, e demostrando que aquel persoal do Celta tamén podía adaptarse á súa idea de xogo, algo que parecía difícil vendo o seu perfil. O porriñés salvou ao equipo sumando 17 puntos con cinco triunfos e dous empates.
Esta tempada, a meta fixada pola zona nobre do cadro vigués foi a salvación tranquila despois de anos de sufrimento. Nesa tarefa afanouse o adestrador, que non abandonou o discurso da permanencia ata que foi virtual; foi entón cando sacou da súa chistera a idea da matrícula de honra á que agora está dedicado o equipo. A estas alturas, o equipo xa foi capaz de gañar 14 partidos, once deles no seu estadio, onde está a asinar un curso para enmarcar.
Ao longo destes 14 meses, o técnico do Porriño non parou de dar oportunidades. O primeiro día, no Sánchez Pizjuán, en Sevilla, fixo xogar a Damián Rodríguez, Hugo Álvarez e Hugo Sotelo e esta tempada comentou subindo ao primeiro equipo a Pablo Durán e Alfon e despois tirou de Javi Rodríguez, Fer López e, desde hai un mes, de Yoel Lago. O venres, citou a Miguel Román para o partido co Sevilla e formou unha lista con 14 galegos, un dato nunca visto no Celta.
Pero non só os mozos réndense ao seu credo, senón que futbolistas como Borja Iglesias admiten en público que é o adestrador que lle cambiou o paso no mundo do fútbol e Iago Aspas, o xogador de referencia do Celta da última década, acepta o seu novo rol sen ambaxes e apoiando o adestrador en todas as decisións.
A esa comuñón no vestiario hai que engadirse o apoio de Marián Mouriño e a devoción da bancada, que o converteu no personaxe de referencia do Celta nestes momentos. Argumentos máis que suficientes para que Claudio celebre os seus 50 partidos ao grande. Se pode ser, cun triunfo que deixe ao equipo a un palmo de Europa.