Brais Méndez: «Cando es un rapaz de 20 anos e a afección asubíache, non entendes nada»

LA VOZ VIGO

BANCADA DE RÍO

Óscar Vázquez

O excéltico reivindica a importancia da psicoloxía deportiva e conta a súa experiencia

03 nov 2022 . Actualizado á 10:28 h.

O canteirán e exfutbolista do Celta Brais Méndez, actual xogador da Real Sociedade, concedeu unha entrevista á liga na que falou dos malos momentos que pasou en Vigo a raíz dos asubíos de parte da afección. Como xa comentou noutras ocasións, o mosense volveu facer fincapé no importante que resultou para el recibir axuda psicolóxica.

Méndez lembra que «cando es un rapaz de 20-21 anos e tes á afección asubiándoche, non entendes nada, pregúntaste moitas cousas e vaste a casa bastante fodido». Reflexiona, nese sentido, sobre o nocivas que poden chegar a ser as redes sociais. «Cando todo vai ben, son marabillosas, pero cando van mal, poden ser perigosas. Faise dano incluso sen querer», di. No seu caso, afectábanlle as cousas que podía chegar a ler, confesa, por iso decidiu «apartarse dese mundo», en referencia á súa desaparición definitiva de Twitter ou ao feito de ter os comentarios desactivados en Instagram durante un tempo.

O centrocampista recoñecer pasar «ano e pico duro mentalmente», un tempo no que «non era capaz de gozar xogando; adestrando, si, pero chegaba a fin de semana e non era capaz». Aconselláronlle recorrer a un psicólogo e deu o paso: «Unha persoa sentou comigo e díxome que necesitaba traballar cun psicólogo deportivo, que me ía axudar. Fíxenlle caso. O primeiro día, falamos un pouco e, desde aí, traballando todas as semanas unha sesión con el cámbiache a mente, faiche ver as cousas desde outro punto de vista que nese momento, é complicado. Non podo facer outra cousa que dar as grazas», expresa.

Brais reivindica desde a súa experiencia que «a saúde mental é o máis importante» e pide que se normalice recorrer a estes especialistas. «Hai que normalizar máis aínda aos psicólogos, que son persoas que están para axudar. Parece un tema un pouco tabú, que non se acaba de ver do todo ben, e son fundamentais», valora o mosense.

Noutra orde de cousas, tamén se refire Brais á súa marcha do Celta. «É o club que mo deu todo, lévoo dentro de min. Foron dez anos criándome, sabendo o que é o Real Club Celta», subliña. A decisión de irse da súa «casa» foi «complicada». «Levas moitos anos, estás arraigado tanto á cidade como ao club, pero valoras, tes que tomar decisións que cres que van ser o mellor para o teu futuro», explica. Pasados os meses, afirma que lle veu « ben no persoal» e que non pode «estar máis contento».

Conta Méndez que competir en Europa foi un aliciente para fichar por un club cuxo fútbol lle chamaba a atención e en cuxo esquema cría que encaixaría. «Pedinlle a Imanol (Alguacil) vídeos para coñecer mellor os movementos e mecanismos do equipo. Díxome que me coñecía perfectamente, que non quería que cambiase nada do que facía en Vigo», revela. Desfaise en eloxios ao seu compañeiro e tamén excéltico David Silva, que lle dá consellos e estalle axudando a crecer, agradece.