Jacobo Montes deixa de ser adestrador do Celta B

La Voz VIGO

BANCADA DE RÍO

M.MORALEJO

O club anuncia o cesamento do técnico e do seu segundo, Marcos Montes, tras a derrota de onte ante o Las Rozas

26 ene 2020 . Actualizado ás 17:25 h.

Jacobo Montes e o seu segundo, Marcos Montes, non continuarán á fronte do Celta B, segundo comunicou o club esta tarde. A derrota de onte en Barreiro ante o Las Rozas, rival directo pola salvación, deixaba nunha situación extremadamente delicada aos irmáns redondelanos e finalmente a entidade celeste optou pola substitución no banco como solución para o segundo equipo celeste.

«Unha vez acordada a súa desvinculación da entidade, o Real Club Celta quere expresarlles o seu sincero agradecemento pola profesionalidade, dedicación e esforzo que demostraron durante a súa estancia no filial», manifesta o club nun comunicado. «O club celeste deséxalles a todos o maior dos éxitos no futuro».

Jacobo Montes fíxose cargo do Celta B o pasado verán despois de que finalizase a etapa de dúas tempadas de Rubén Albés no banco. O club, que no primeiro deses dous anos co vigués xogara o seu segundo play-off seguido (o primeiro con Alejandro Menéndez), salvouse na tempada 2018/2019 no play-out e esta tempada pretendíase vivir un ano máis tranquilo, cousa que non sucedeu.

Nestes momentos, o equipo é décimo oitavo con 22 puntos noutros tantos partidos e a catro da salvación. Gañaron seis partidos, empatado catro e perdido doce. Hai unhas semanas, xa nunha situación complexa, o técnico recoñecía a La Voz que se non chegaban os resultados, o adestrador sempre está en risco en calquera equipo.