Sobrecarga física e déficit de persoal: así ven o seu traballo os auxiliares de enfermería
GALICIA
Galicia é a terceira comunidade con maior cociente de profesionais, segundo un informe do Ministerio de Sanidade
23 jul 2026 . Actualizado á 12:09 h.Un perfil profesional predominantemente feminino (91% mulleres), unha idade media de 47 anos e unha traxectoria laboral consolidada con máis de 20 anos de experiencia. Estes son os trazos principais a nivel nacional dos Técnicos en Coidados Auxiliares de Enfermería (TCAE), unha figura feminizada que en Galicia ten en activo a uns 8.110 traballadores, concretamente 29,9 por cada 10.000 habitantes (é a terceira comunidade de España, onde o total ascende a 113.403 con 101.798 mulleres e 11.605 homes). O maior número de profesionais TCAE rexistrados atópase en Andalucía con 15.496 e A Rioxa é a comunidade con menor número (34). Este colectivo experimenta unha importante carga de desgaste físico e emocional, dentro dun contexto de transformación demográfica (máis poboación con necesidades asistenciais) e epidemiolóxica que implica un incremento progresivo das necesidades de coidados.
Isto evidénciase na Análise das TCAE no sistema sanitario do Ministerio de Sanidade, que por primeira vez fixo unha análise específico, pondo o foco na situación laboral destes sanitarios, as súas necesidades percibidas e os retos asociados ao seu exercicio profesional. As conclusións baséanse en 30.000 respostas válidas e unha das máis rechamantes é a intención de abandono entre estes profesionais nos próximos 12 meses no caso de dispor de circunstancias favorables: case un 40% (38,09%), catro de cada 10, optarían por esta alternativa. Deles un 2,59% abandonaría inmediatamente.
Esta atención é agradecida por traballadores deste ámbito como Paula Armada, secretaria provincial do SAE (Sindicato de Técnicos de Enfermería) da Coruña, que argumenta que o estudo é un fiel reflexo do seu día a día desde hai máis de dúas décadas no CHUAC da cidade herculina. Pide mellores retribucións pola súa carga de traballo, uns labores nas que reivindica que traballan de xeito independente en situacións de reanimación entubando ou pasando material nun quirófano.
«Non auxiliamos a ninguén, axudamos ao paciente», aclara, mentres denuncia lesións habituais derivadas do seu traballo como a do manguito rotador do ombro ao ter que cargar a enfermos que caen da cama durante a noite en plantas onde critica que soamente hai un TCAE para uns 40 pacientes. A miúdo fai electros, PCR, cura e mide a tensión ou a glicosa e solicita que todo iso poidan asinalo e non sexa plasmado polas enfermeiras en lugar de profesionais da súa tipoloxía.
«É urxente actualizar as nosas funcións», expón. Para contribuír a debuxar unha radiografía galega deste asunto, detalla que en centros sanitarios da Coruña e Lugo os cocientes son peores que en Pontevedra ou Lugo (moitos son os mesmos desde fai máis dunha década). Ademais, subliña que a sanidade pontevedresa e ourensá contan con TCAE nos centros de saúde, mentres que na Coruña e Lugo «é raro atopalos».
Os auxiliares de enfermería mostran unha maior percepción de escaseza de persoal, máis dificultades para dispor de tempo suficiente para os coidados, menor integración nos equipos de traballo, menor apoio por parte dos seus responsables e niveis inferiores de satisfacción profesional e laboral. Tamén rexistran maiores dificultades de conciliación, unidos á sobrecarga física ou o déficit de persoal. Tamén o 90,7% das persoas que responderon á enquisa manifestou experimentar sensación de cansazo ou falta de enerxía polo menos varios días á semana. Coa mesma frecuencia, o 74,9% presentou problemas de soño e aproximadamente sete de cada dez declararon sentir pouco interese por facer cousas (68,2%). Así mesmo, máis do 60% manifestaron problemas de concentración e un terzo padece alteracións alimenticias.
A pesar de todo, configúranse como un dos colectivos profesionais máis numerosos e a súa contribución é esencial para coidados directos, apoio na vida diaria ou o funcionamento cotián de dispositivos asistenciais. A presenza das TCAE en atención primaria, atención especializada, centros residenciais ou institucións sociais reflicte a súa versatilidade.
A análise realizada céntrase exclusivamente nas retribucións fixas mensuais do Persoal Técnico en Coidados Auxiliares de Enfermería (PTCAE) estatutario que desempeña o seu labor en unidades de hospitalización e equipos de atención primaria. No primeiro caso, o salario total mensual dos profesionais galegos é de 1465,97 euros (considerablemente máis baixo que o de Navarra de 1.912 euros, o máis alto de España para esta categoría). No segundo, diminúe a 1441,34 euros (ocupando tamén Navarra o primeiro posto co mesmo salario que en unidades de hospitalización).
No Sistema de Información de Atención Primaria (SIAP), que contén información sobre a poboación asignada aos profesionais deste ámbito, recursos dispoñibles (tanto centros como profesionais) e actividade asistencial, evidénciase que, o número de TCAE aumentou desde o 2017, pasando de 4.434 profesionais a 5.510. Pola súa banda, a dotación de enfermeiros auxiliares na atención especializada experimentou un crecemento sostido durante a última década, especialmente na rede pública, pasando de de 99.830 profesionais no 2014 a 133.386 no 2023, un incremento do 33,6%, mentres que nos hospitais privados aumentou de 15.477 a 18.154 profesionais.
Dez pacientes por profesional e xornadas de 36 horas semanais
En canto a condicións laborais, a media do número de pacientes asignados na última quenda de traballo en hospitais públicos, hospitais públicos de crónicos e residencias públicas, foi en xeral de 10 persoas por profesional, aínda que os TCAE de Atención Primaria presentan as cifras máis altas, cunha media de 15,5 pacientes. Séguenlles 11 pacientes de media no ámbito sociosanitario e contrastan as cifras superiores dos centros privados e concertados: con1 5 pacientes de media en hospitais privados e 14 para os concertados.
En termos de xornada semanal, obsérvase unha tendencia predominante cara ás 35 horas en sete días na maioría das comunidades autónomas como Cantabria, País Vasco, Asturias, Castela e León ou A Rioxa, mentres que outras manteñen xornadas superiores de 36,2 horas como Galicia e Aragón ou 37,5 horas como Madrid, Navarra, Cataluña ou Castela-A Mancha.