O interese polo galego medra no Bierzo e en Sanabria, con máis de 1.200 estudantes
GALICIA
Aumenta o número de matriculados nos cursos que se imparten na EOI de Ponferrada e en colexios e institutos das comarcas de Castela e León limítrofes con Galicia
08 dic 2025 . Actualizado a las 18:27 h.Que o interese por aprender galego medra no Bierzo e noutros territorios de Castela e León limítrofes con Galicia corrobórano os datos de alumnos matriculados nas clases de galego que se ofrecen nos centros educativos públicos da comunidade veciña. Este curso, segundo os datos dados a coñecer pola Consellería de Lingua, Cultura e Xuventude, hai 1.207 alumnos matriculados na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada e tamén en 17 colexios e institutos de secundaria das comarcas do Bierzo, en León, e de Sanabria, na veciña Zamora. Nestes momentos, hai 991 inscritos en centros de infantil e primaria, 158 en secundaria e 58 na EOI de Ponferrada.
Os estudantes matriculados non só aprenden galego. Máis alá das clases, participan noutras actividades extraescolares —como viaxes e xornadas divulgativas—, coas que poden profundar no seu coñecemento sobre a lingua e a cultura de Galicia. Estas aulas e o resto de actividades forman parte do programa de promoción do galego nos territorios de Castela e León limítrofes con Galicia que puxo en marcha no 2006 un protocolo de colaboración asinado pola Xunta e pola Junta de Castilla y León, que se reuniron esta semana para facer un seguimento da iniciativa.
O Celga, tamén en Ponferrada
Tralo encontro entre ambos executivos, a Xunta salientou tamén a importancia que teñen as convocatorias anuais en Ponferrada dos exames Celga, que certifican o coñecemento do galego e que resultan, engaden dende a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, «unha ferramenta fundamental para acreditar o dominio da lingua ao tempo que impulsa o seu prestixio».
Nas últimas probas celebradas na localidade leonesa —en dúas quendas, en maio e en novembro— validaron as súas competencias na lingua galega 637 persoas. Tras o encontro co Goberno castelán-leonés para repasar os datos desta iniciativa, a Xunta engadiu tamén que máis de 4.400 persoas estudan galego no estranxeiro.
Alén dos que estudan no Bierzo e en Sanabria, hai un milleiro de persoas vencelladas aos lectorados que se desenvolven en universidades do estranxeiro. Tamén se forman na lingua 950 persoas a través dos centros galegos, casas de Galicia e sedes do Instituto Cervantes; e medio milleiro máis fano no Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires e no Instituto Vicente Cañada de Londres.