Losada destaca a intervención decisiva da UME para a extinción de catro dos incendios máis graves da provincia este verán
GALICIA

O subdelegado do Goberno en Pontevedra eloxia o traballo do Equipo de Prevención Integral dos Incendios Forestais, que despexou de combustible forestal 135 hectáreas en concellos rurais
18 sep 2025 . Actualizado á 15:18 h.O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, fixo este xoves un balance positivo da implicación do Goberno central na prevención e extinción de incendios forestais este verán na provincia, á vez que reprochou á Xunta a súa xestión da onda incendiaria que se viviu sobre todo en agosto. Losada salientou o «papel fundamental» dos medios de apoio facilitados polo Goberno de España tanto na prevención de lumes como no seu combate. De feito, sostivo que a intervención da Unidade Militar de Emerxencias (UME) foi vital para conseguir atallar catro dos sete lumes máis graves e que ameazaban vivendas nos municipios de Vilaboa, A Cañiza, Salceda de Caselas e As Neves.
Losada reuniuse este xoves pola mañá co xerente de Tragsa na provincia, Pedro Álvarez, e co responsable do Equipo de Prevención Integral dos Incendios Forestais (EPRIF) de Pontevedra, Ricardo Arines. O EPRIF realizou «un intenso traballo» durante o inverno despexando zonas de monte. O subdelegado do Goberno sostivo: «O Goberno de España non ten competencias de ordenación no monte, nin de emerxencias, nin de extición, pero puxo un amplo dispositivo de apoio tanto na faceta preventiva como na de apoio e quen nega iso compórtase cunha lamentable deslealdade institucional». Añadió: «Unha cousa é apoiar e outra cousa é suplir as disfuncións da Administración competente».
No balance do traballo do EPRIF, entre novembro do 2024 e abril deste ano destacan a planificación e colaboración deste servizo en 26 incendios técnicos que permitiron despexar de combustible vexetal 135 hectáreas nos concellos de Arbo, Fornelos, Campo Lameiro, As Neves, Oia, A Lama, Mondariz, Pazos de Borbén, Tomiño, Lalín, Gondomar, A Cañiza, Agolada e Rodeiro. Neste período de tempo coordinou a roza mecanizada de nove hectáreas e medio en Crecente «para protexer repoboacións e masas de frondosas». Tamén realizou cinco sesións formativas preventivas en centros escolares e distritos forestais. Losada felicitou ao EPRIF por este traballo e sinalou que todas as intervencións coordináronse coa Xunta, como Administración competente na materia. O EPRIF creouse no 2002 con base en Pontearas, aínda que desde o 2023 trasladouse a Pontevedra.

Por outra banda, Losada aplaudiu o traballo «inxente» da UME na provincia. Resaltou que esta unidade militar «cubre con rapidez todas as demandas que fai a Xunta de Galicia ao declarar o nivel 2 nunha emerxencia». O representante estatal na provincia subliñou que o Goberno central puxo «todos os medios posibles e un pouco máis nun escenario moi complicado, agravado sen dúbida algunha, polas políticas de recortes de varias comunidades autónomas». Apuntou: «O que non é comprensible é recortar ou deixar fondos para prevención se gastar ou ter motobombas paradas e logo cando aparece o lume, desviar a atención pedíndolle imposibles ao Estado ou á UE».
Losada lembrou, así mesmo, que a Operación Sentinela, que despregou 35 patrullas con soldados da Brilat para vixiar os montes, non empezou ata o 15 de agosto «porque así o decidiu a Xunta». Afirmou: «A propia conselleira de Medio Rural dixo en xullo en Pontevedra, cando xa había importantes lumes activos, que non era necesario adiantar ou ampliar o dispositivo militar; poucos días despois o presidente Rueda reclamaba ao Goberno de España outros 500 soldados».