Francisco Garzón, maquinista do Alvia: «É un accidente por falta de medidas de seguridade que me protexesen a min e ás vítimas»

M. V. REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

a sexta

Ofrece a súa primeira entrevista en televisión tras a súa condena no que participan tamén o seu avogado defensor e tres vítimas do descarrilamento en Angrois

15 sep 2025 . Actualizado á 13:04 h.

«Unha curva fodida. Sen sinalización», comezou definindo Francisco Garzón, o maquinista do Alvia accidentado en Angrois, o punto onde o tren descarrilou a 179 quilómetros por hora o 24 de xullo do 2013. Garzón ofreceu este domingo en La Sexta a súa primeira entrevista en televisión tras ser condenado a dous anos e medio de prisión por homicidio e lesións por imprudencia grave. No accidente do peor día de Galicia morreron 80 persoas e 144 resultaron feridas.

«Non deixa de ser un accidente por falta de medidas de seguridade que me protexesen a min e ás vítimas», defendeu o maquinista a súa absolución, que asegurou ter «a conciencia tranquila» e contar co perdón de moitos dos viaxeiros e dos seus familiares. Apuntou á ausencia de balizas ou sinalizacións para indicar o freado, e lembrou a chamada do interventor que lle fixo perder calquera referencia. O avogado defensor, Manuel Prieto, expuxo tamén no programa a desconexión do ERTMS que privou ao Alvia dun último aviso e o papel de Andrés Cortabitarte, director de Seguridade na Circulación do Adif cando se puxo en funcionamento a liña.

«O trompazo foi bestial», dixo Garzón sobre o descarrilamento. Lembrou os instantes posteriores ao accidente, o seu primeiro pensamento cara aos viaxeiros («matáronse todos», temeuse), as feridas que sufriu e o primeiro que viu: «Todo chatarra, xente por todos lados. A mente se autoprotege e non lembra todo como é». De alí, nun coche patrulla ao hospital, onde estivo custodiado por dous axentes. «Un criminal, era eu o culpable, era todo responsabilidade miña», lembrou sentir antes de ser arrestado e trasladado ao calabozo.

Preguntouse por que «non pasou nin medio segundo» e xa transcendeu a súa identidade e incluso o seu domicilio. «Quen filtrou todo iso?». Relatou a presión mediática que sufriu entón, e que se repetiu ao comezo do xuízo dez anos despois.

O programa contou tamén cos testemuños de tres vítimas do accidente: Jesús Domínguez, que viaxaba onda a súa muller e as súas dúas sobriñas; Teresa Gómez-Limón, quen viaxaba soa e foi deputada autonómica do PP en Madrid; e Rogelio Bernardo, cuxo fillo morreu. Os tres coincidiron en exculpar ao maquinista.