Aterran en Santiago os dous avións pedidos por España a Europa para loitar contra os incendios

a voz REDACCIÓN

GALICIA

ATLAS TV

Teñen capacidade para 5.500 litros cada un, e chegan desde Francia tras a solicitude do Goberno

14 ago 2025 . Actualizado á 13:51 h.

Os dous avións Canadair que solicitou España á Unión Europea para a extinción de incendios que afectan o país aterraron este xoves este mediodía en Santiago. A primeira das dúas aeronaves tomou terra cara ás 12:45 horas no aeródromo militar de Lavacolla e a segundo, un par de minutos despois. Alí recibíronos o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e a persoa ao mando desas instalacións, o tenente coronel Juan José Vázquez Moreira.

Trátase de dous avións para a extinción dos lumes máis importantes, con capacidade para 5.500 litros de auga cada un, que enviou Francia a España en resposta á súa petición de axuda ante a vaga de incendios que afecta o país. 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, agradeceu a chegada a Galicia dos dous hidroavións enviados por Francia. «Todos os medios que poidan vir nestes momentos son necesarios» para combater os incendios forestais activos, afirmou.

En declaracións durante a súa visita á sede do distrito forestal XIV (Verín-Viana), Rueda explicou que estas aeronaves contribuirán ás tarefas de extinción e avogou por «sumar», alegando que a chegada de novos reforzos non deber ser para retirar outros medios que xa estaban a operar na comunidade.

Esta mesma mañá, a Comisión Europea confirmaba o despregamento deses dous avións de extinción de incendios para axudar ás autoridades en España tras a petición do Goberno á Unión Europea para coordinar asistencia, a través do Mecanismo de Protección Civil. O mércores o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, avanzou a demanda ás autoridades europeas dun módulo con dous avións cisterna Canadair. Previamente, o líder da oposición, Alberto Núñez Feijoo, reclamara desde Ourense que o Executivo de Pedro Sánchez pedise medios aéreos a Europa.

A axuda a España súmase aos medios mobilizados para axudar a Grecia ante a onda de incendios que arrasan o país, no seu caso con dous helicópteros da reserva de emerxencia europea que agora se atopan traballando en Bulgaria, que solicitou axuda á UE. Tamén participaron nos labores de extinción bombeiros preposicionados de República Checa, Moldavia e Romanía.

No que vai de verán o Mecanismo de Protección Civil da UE xa se activou 16 veces para responder á vaga de incendios, un dato que xa iguala ao número total de peticións por incendios forestais o pasado ano.