O BNG acusa a Rueda de «intentar inflar» en case 1.500 millóns o pago a Audasa por rescatar a AP-9
GALICIA
 
	
											A viceportavoz Olalla Rodil lembra que o Bloque presentou un estudo que cifra ese custo en 904 millóns
05 ago 2025 . Actualizado á 17:52 h.O BNG acusa o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de máis «intentar inflar con case 1.500 millóns de euros» o que habería que pagar a Audasa polo rescate da AP-9. O Goberno galego estima que a operación custaría 2.356 millóns de euros, segundo un estudo presentado este luns, mentres que un informe encargado polo Bloque á Universidade da Coruña en 2024 rebaixaba esta cifra a 904 millóns.
Nun comunicado, a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, pide a Rueda que explique aos galegos «por que quere pagarlle a Audasa preto de 1.500 millóns de euros máis e por que, de novo, en vez de defender os intereses de Galiza, defende os intereses da concesionaria».
Ademais, a nacionalista insiste en que, despois de que a Comisión Europea cualificase de ilegal a prórroga da concesión ata o 2048 aprobada polo Goberno de José María Aznar, a Autoestrada do Atlántico debe ser transferida «de inmediato» a Galicia para facela «galega e libre de peaxes».
A viceportavoz remítese de novo ao informe da universidade coruñesa para explicar que, ao tratarse dun «contrato ilegal», segundo Bruxelas, é «anulable» e Audasa non tería dereito á indemnización por lucro cesante. Por tanto, esixe á Xunta que «deixe de facer informes a medida» da empresa.
«É hora de que Galiza tome o control da AP-9 e para iso o Goberno do PP na Xunta ten que deixar de remar a favor da concesionaria e o Goberno español ten que cumprir os compromisos adquiridos con Galiza e transferir de inmediato a xestión desta infraestrutura que é clave para os intereses do país», insiste Rodil.