
Goretti Sanmartín reivindica a artesanía local ao vestir un conxunto no que a marca De Cotío reiventa a vestimenta tradicional galega no día grande de Galicia
26 jul 2025 . Actualizado á 10:38 h.As cores. A combinación de vermello e negro. O acibeche dos abalorios que compuñan o corpiño, a faldriqueira... A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, escolleu para o Día de Galicia un conxunto de pantalón e chaqueta que non é máis que unha reinterpretación do traxe de gala tradicional galego que se usaba nas vodas ou nas romarías. Feito a medida pola marca De Cotío, foi tamén, como explicaron desde o Concello compostelán, unha forma de reivindicar o comercio e a artesanía local na celebración do día grande de Galicia.
Neste deseño contemporáneo substitúese a saia tradicional por un pantalón no que as raias de terciopelo negro destacan nos baixos dunha perneira, mentres que se desbota o uso da camisa que se leva baixo o dengue para construír unha chaqueta con motivos de acibeche. O conxunto complétase cunha faldriqueira bordada que fai as veces de bolso para levar pequenos artigos persoais.
Como complemento, a rexedora —que apareceu co cabelo recollido— levou un sapo de prata e acibeche con doas de cristal talladas, unha peza típica do traxe de garda, obra do ourive compostelán Mayer. Tamén luciu unha pulseira artesanal feita por Susi Gesto. E os zapatos tamén foron inspirados nos que levaban as galegas nos bailes. Negros e cun tacón baixo e redondeado no que se combinan as raias negras e brancas.