Ignacio Picatoste reforza o compromiso do Tribunal Superior de Xustiza coa loita contra a violencia de xénero

GALICIA

O maxistrado, que tomou posesión este martes como presidente do alto tribunal galego, agradeceu aos seus compañeiros durante 35 anos de traxectoria: «Sen eles non sería o xuíz que son»
15 jul 2025 . Actualizado á 18:30 h.Coa gratitude, o deber e responsabilidade como bandeiras do seu mandato, Ignacio Picatoste Sueiras (A Coruña, 1964) é desde este martes o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, cargo do que tomou posesión no Palacio de Xustiza. Visiblemente emocionado, no discurso co que se estreou como máxima autoridade xudicial galega non faltaron as mostras de agradecemento. Ao Consello Xeral do Poder Xudicial e aos seus compañeiros tras 35 anos de traxectoria, aos seus predecesores e ás institucións, aos colexios profesionais e á súa familia. E aínda que dixo que non era o momento de esbozar as prioridades do seu mandato, reforzou o compromiso do alto tribunal galego coa loita contra a violencia de xénero e a atención ás vítimas vulnerables, seguindo o legado de José María Gómez y Díaz-Castroverde, que dá agora por finalizado o seu mandato, e que o iniciara esixindo non quedarse impasibles fronte aos asasinatos de mulleres.
A primeira mensaxe do maxistrado foi para os vogais do Consello Xeral do Poder Xudicial, quen avalou o seu proxecto para presidir o Tribunal Superior de Xustiza: «Elixíronme para esta praza nuns termos que exceden as miñas maiores esperanzas e que supoñen un inmenso estímulo e responsabilidade engadida á que por si mesma supón ser presidente». Picatoste tamén deu as grazas a todos os compañeiros de profesión: «Sen eles non sería a persoa que son. Sen eles non sería o xuíz que son. Todos contribuístes a que poida chegar este momento». De forma especial destacou neste camiño aos membros da sala de goberno do alto tribunal galego, da que forma parte desde o ano 2004, e ao maxistrado José María Gómez y Díaz-Castroverde, a quen releva no cargo tras non presentarse á reelección. «Todos fostes imprescindibles na miña carreira. Son un de vós e vou seguir séndoo sempre», dixo.
Implicación dos xuíces
Durante a súa breve intervención, Picatoste afirmou que velará polo exercicio da súa función «sen temores nin dúbidas», nun momento de transformación da Administración de Xustiza: «Debemos implicarnos e ser oídos. Este cambio aspira a mellorar os nosos instrumentos de traballo, non podemos permanecer á marxe». Alentou aos xuíces para participar de forma activa nun proceso que afecta ao seu labor cotián e «incide na garantía para protexer os dereitos e liberdades da cidadanía». Unha cidadanía á que hai que prestar «unha Xustiza empática que responda as súas necesidades».
Insistiu o maxistrado na responsabilidade dos xuíces na defensa de «un poder constitucional independente que achega seguridade». Esa seguridade, segundo afirmou, preséntase como «reforzo e consolidación da evolución e dos logros dunha sociedade aberta no marco constitucional dun Estado social e democrático de dereito».
A toma de posesión do presidente do Tribunal Superior de Xustiza foi tamén a primeira visita á súa sede da presidenta do Tribunal Supremo e do Consello Xeral do Poder Xudicial, Isabel Perelló, que presidiu o acto. A súa madriña foi a maxistrada da Audiencia Provincial da Coruña María Teresa Cortizas González-Criado, onde ata este martes era o presidente do tribunal. Na presidencia do acto participaron o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes; os presidentes das salas do Contencioso-Administrativo e do Social do TSXG, Dolores Rivera e Luis Fernando de Castro, respectivamente, e o secretario de goberno do tribunal, Juan José Martín.
Nunha sala chea tamén estaban o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.
Ao seu predecesor: «Quero contar co teu consello»
A responsabilidade baixo a que se inspirará o seu mandato estará moi presente ao representar á xudicatura galega. «Nesta Galicia, nai e señora, sempre agarimosa e forte —empezou Ignacio Picatoste, citando uns versos do poema Galicia, de Ramón Cabanillas—, onde as cousas se fan á galega, con calma, sentidiño e respecto. Sen esquecer que a nosa sociedade é o reflexo das nosas carballeiras, onde cada árbore é diferente, pero as súas raíces están unidas con firmeza e sustentan o chan onde crece e vive. Galicia, en todas as súas cidades, as súas vilas e os seus pequenos concellos, dende Estaca de Bares ao Xurés, dende cabo Silleiro ata aos Ancares, e sempre pasando por Lalín, quilómetro cero desta terra».
Precisamente, o seu primeiro xulgado foi o de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Lalín, tras ingresar na carreira xudicial no ano 1990. Máis tarde exercería nas cidades de San Sebastián, Ferrol e A Coruña. Despois de 14 anos na sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña, no 2019 tomou posesión como presidente.
Para rematar, o maxistrado quixo facer mención especial a dúas persoas. Primeiro, a José María Gómez y Díaz-Castroverde: «O teu mandato non foi unha paréntese, foi unha escola para os xuíces e maxistrados de Galicia. Formaches unha xeración que aprendeu de ti». Mostra da boa sintonía que hai entre os dous, Picatoste pediulle entón: «Quero que sigas mandándome eses wasaps que aparecen con tanta frecuencia e que son un modelo de lucidez e sentido do humor, sempre tan acertados. Quero contar co teu consello durante todo este mandato».
Tamén lembrou a outros dous presidentes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a Miguel Ángel Cadenas e a Jesús Souto, ambos, segundo afirmou, referentes para a xudicatura galega: «Poucos teñen a sorte de aprender dos mellores, e este foi o meu caso».
A segunda mención e a máis especial foi á súa muller, María José: «Ninguén mellor que ti sabe o que significa para min ser xuíz e o que significa para min este momento. Grazas por compartilo e grazas porque, sen a túa axuda e comprensión ao longo de máis de trinta anos, isto non pasaría de ser un soño».