
A Xunta recoñece o vinculo de Leonor con Galicia tras un ano de formación militar na Escola Naval de Marín. O acto será en Santiago
07 jul 2025 . Actualizado á 18:51 h.O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello aprobou hoxe conceder a Medalla de Ouro de Galicia, a máxima distinción que se outorga na comunidade, á súa Alteza Real a Princesa de Asturias, dona Leonor de Borbón e Ortiz, «que a próxima semana concluirá a súa formación na Escuela Naval Militar de Marín».
Con este galardón, o Executivo autonómico quere recoñecer «a presencia» de Leonor en Galicia así como «a pegada e a relación que a Casa Real ten coa comunidade» e transmitir «o cariño sincero que a maioría dos galegos lle teñen tanto á Princesa Leonor como á Coroa».
A Princesa de Asturias recibirá a Medalla de Galicia nun acto que se celebrará en Santiago o próximo 14 de xullo, «dous días antes da entrega de despachos» na Escola Naval de Marín e no que está previsto a asistencia «dos Reis de España».
O mércores día 9 chegará ao porto de Ferrol o buque escola da Armada Juan Sebastián de Elcano, penúltima escala antes de regresar a Marín tras 6 meses de navegación. A herdeira ao trono de España é un dos 76 guardiamarinas que están a completar a súa formación militar nun cruceiro de instrución transatlántico.
O resto das Medallas de Galicia anunciaranse e aprobaranse nas próximas datas e serán entregadas, como é habitual, nun acto o próximo 24 de xullo.