Dúas mil firmas reclamarán no Parlamento de Galicia a segunda ambulancia medicalizada no Salnés

GALICIA

O BNG e técnicos do 061 atribúen o novo traslado a Sanxenxo a unha decisión política do PP para contentar a Telmo Martín e din que Sanidade recoñeceu a necesidade doutra SVA na comarca
02 jul 2025 . Actualizado á 19:39 h.A decisión da Consellería de Sanidade de volver trasladar un verán máis a ambulancia medicalizada (SVA) con base no Hospital do Salnés a Sanxenxo durante os meses de verán, como vén facendo desde o ano 2019, recibirá resposta cidadá no Parlamento de Galicia a vindeira semana. Concretamente, dos arredor de 2.000 cidadáns que, informou este mércores a deputada autonómica cambadesa do BNG, Montse Prado, levan estampadas as súas firmas na campaña que a formación que lidera a oposición na cámara galega puxo en marcha hai cousa de tres semanas. O vindeiro día 10, o BNG esgrimirá os dous milleiros de sinaturas á hora de levar a votación no pleno do Parlamento e da súa Comisión de Sanidade a petición dunha segunda ambulancia medicalizada para O Salnés, adiantou Prado na praza de Galicia nunha rolda de prensa acompañada de carteis co lema Ambulancia todo o ano no Hospital do Salnés.
O requirimento non só parte do BNG. Técnicos do 061 tamén apoian a demanda desa segunda unidade nunha comarca con tanta densidade de poboación e coa súa multiplicación nos meses de verán, nos que a presenza de milleiros de turistas eleva o número de asistencias médicas e a dificultade para cruzar a distancia por estrada entre Sanxenxo e Vilagarcía. César Rajoy, técnico do 061, falou en nome dos especialistas que traballan na ambulancia medicalizada da comarca para criticar a posición da Xunta. Empezando polas palabras do xerente da Área Sanitaria Pontevedra-O Salnés, José Flores, cando un día antes declaraba no Hospital do Salnés que «a xente que está a traballar en urxencias, fai urxencias». Pola contra, «o Hospital do Salnés é o único do mundo no que non pasa o que di o xerente, no que unha ambulancia —a medicalizada— se emprega para traslados intrahospitalarios» e non só para atender as urxencias, a súa teórica función e servizo, afirma Rajoy.
O técnico do 061 negou que nin a el nin aos compañeiros que o acompañaban na rolda de prensa o mova unha reclamación laboral, senón «un problema para a poboación do Salnés». E ese problema nace, sostén abertamente, do puro interese do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e do Partido Popular por contentalo: «Hai un señor no Concello de Sanxenxo que ten moito peso. Directivos de Sanidade recoñecéronnos en petit comité que a Martín non lle vale outra cousa que ter esta ambulancia medicalizada. Se ten tanto interese», engade Rajoy, «que a pida todo o ano en Sanxenxo». E se non o fai, afirma, é: «porque prioriza os turistas aos seus propio veciños».
Na mesma liña se manifestou a voceira da área de sanidade do BNG no Parlamento de Galicia. Tras cualificar de «inxusto, temerario e neglixente» o traslado da ambulancia medicalizada da súa base do Hospital do Salnés a Sanxenxo un ano máis, Montse Prado declarou: «Os veciños da comarca non son de segunda. Non son menos importantes que quenes os visitan. E é decisión do PP primar a atención á xente que nos vén visitar por diante da da veciñanza».
Rajoy:« É unha decisión política»
A nacionalista tomou as palabras do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, o día anterior nun acto no Hospital do Salnés como unha confensión do goberno autonómico de que, efectivamente, O Salnés precisa da segunda ambulancia medicalizada que reclaman o BNG e técnicos do 061: «Sorprendeume que o conselleiro dixera que entende e comparte a petición». Verbos reproducidos das declaracións de Caamaño, que este acompañou cun «ya veremos si, en el futuro, dentro de los planes del 061, entra la posibilidad de que haya una ambulancia a mayores» no Salnés tras defender que a medida se adoptara en base a «una planificación general para toda Galicia y de manera equitativa y correcta».
Para Prado, se o conselleiro di entender e compartir a petición popular, xa non do BNG, é «porque está asumindo que a decisión tomada pola Xunta é incorrecta». E neste punto, anima a Caamaño a cambiar de postura: «Está a tempo de que haxa dúas ambulancias medicalizadas no Salnés este verán». Porque do contrario, «se volve haber un desenlace fatal como xa pasou nos outros anos, a responsabilidade será do PP».
Desde o BNG sinalan que non hai outro caso onde a Xunta mova no verán a ambulancia medicalizada dunha comarca da súa base a outra punta da súa xeografía. Tamén que, en contra do dito polo xerente da área sanitaria, «a inmensa maioría da poboación do Salnés non se despraza á costa desde as súas casas. Se a poboación se multiplica, precísanse máis medios e recursos». E, anota o técnico do 061 César Rajoy, «en inverno, inda coa medicalizada no Hospital do Salnés, teñen que vir á comarca con frecuencia medios de Caldas, de Padrón ou de Rianxo, o que quere dicir que estamos infradotados de medios. É un esperpento», conclúe, ao tempo que lle pide ao Sergas que «amosen os criterios sanitarios que din explican o traslado da ambulancia a Sanxenxo para poder rebatelos». Se non o fai, di Rajoy, é porque «se trata dunha decisión política».