Rueda, na entrega das medallas Castelao: «A identidade de Galicia non está marcada polo conflito, senón polo acordo»

GALICIA











O acto en Bonaval estivo marcado pola emoción que causou a entrega do galardón á asociación de enfermos dELA
28 jun 2025 . Actualizado á 22:19 h.O grupo musical Luar na Lubre, o escritor e colaborador de La Voz de Galicia, Víctor Freixanes; o empresario e presidente honorífico do Grupo Pérez Rumbao, Emilio Pérez Nieto; a doutora Rosas Rodríguez e a Asociación Galega dELA (Agaela), foron condecorados hoxe sábado coa Medalla Castelao, que lles impuxo o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no tradicional acto que se celebra na igrexa de San Domingos de Bonaval. As medallas recoñecen a persoas e institucións polos seus méritos na representación de Galicia nos planos cultural, social ou económico.
Este ano a Xunta tamén concederá a Medalla de Ouro de Galicia á princesa de Asturias, Leonor de Borbón. Recolleraa o próximo 14 de xullo en Marín, ao rematar a súa formación militar.
Bieito Romero, fundador de Luar na Lubre e colaborador tamén de La Voz e Radio Voz, afirmou que o galardón ten un «valor singular» para eles. Romero anunciou que o conxunto de música celta publicará un novo disco no 2026, cando cumprirá 40 anos, centrado na palabra «lubre» -bosque sagrado onde os celtas celebraban os seus rituais-, que recentemente foi incorporada ao dicionario da RAG. O grupo vendeu máis de 400.000 discos e dado mais de 2.000 concertos por 40 países.
Víctor Freixanes (Pontevedra, 1951) presidiu a Real Academia Galega entre os anos 2017 e 2025, é escritor, editor e profesor da Universidade de Santiago. Tras recibir o galardón invitou a todos a «construír futuro» para a lingua galega, e instou á «todas as forzas políticas» sumarse ao gran pacto sobre a lingua que, lembrou, correspóndelle impulsar ao Goberno galego.
Emilio Pérez Nieto preside a Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Galicia (Acoag) e entre 1982 e 1984 liderou a Confederación de Empresarios de Galicia. É un referente do sector da automoción con 50 compañas e 60 talleres nos que traballan máis de 1.900 persoas. Pérez Nieto considerou a medalla «o galardón máis preciado que un galego pode recibir» y un recoñecemento do Executivo galego á «cultura do esforzo», que pretende a mellora da calidade de vida de todo o país.
A doutora Rosas Rodríguez Álvarez foi médica durante 35 anos no centro de saúde coruñés de Adormideras, tras pasar polo servizo de urxencias do Chuac. O día da súa xubilación foi obxecto dunha gran homenaxe de compañeiros e pacientes. Recibiu o galardón en nome de todo o persoal de atención primaria, ademais dos seus pacientes e compañeiros de Adormideras, entre eles a enfermeira Gena Díez. Lembrou que Castelao tamén foi médico, aínda que, como el mesmo dixo con retranca, nunca exerceu «por amor a humanidade».
Para rematar, Susana Seoane, vicepresidente da Asociación Galega dELA, que agrupa a máis de 130 pacientes de esclerose lateral amiotrófica e ás súas familias, explicou que lle gustaría porse en pé para recibir a medalla, pero a enfermidade non llo permite. Afirmou que Agaela naceu como un soño non reparador, senón de necesidade imperiosa dos pacientes de «dar un paso adiante e loitar pola causa e a integración» dos pacientes. Lembrou a frase de Castelao de que o verdadeiro heroísmo é facer realidade os anhelos, e afirmou que continuarán con ese labor ata que a lei ELA, que está pendente do financiamento estatal, estea plenamente vixente en Galicia.

As súas palabras emocionaron a numeroso asistentes, que responderon cunha grande ovación. Seguiu o discurso de clausura de Alfonso Rueda, que recoñeceu a dificultade de tomar a palabra tras a intervención de Seoane.
Sobre os galardoados, o presidente da Xunta destacou a Luar na Lubre como modernizadores do folclore galego e difusores da tradición celta ligada á cultura de Galicia.
Enxalzou a Freixanes como moito máis que un escritor, por comprender a importancia das industrias culturais e polo seu labor de editor. Tamén agradeceu a cooperación que mantivo como presidente da RAG coa Xunta, a firmeza coa que defende os seus ideais, pero tamén a súa elegancia e «lealdade institucional» coa que o fixo.
De Emilio Pérez Nieto dixo que é un «empresario con maiúsculas», que chegou á empresa familiar con 23 anos e converteuna nun gran grupo. Rueda citou unha frase que o empresario usa con frecuencia: «Cando un traballa nótase, pero cando non traballa nótase moito máis», que considerou un exemplo perfecto da filosofía que lle guiou.
O presidente considerou a Rosa Rodríguez «un símbolo da atención primaria eficaz, próxima e humana que estamos a construir». Lembrou que ela mesmo pediu que o galardón se fixese extensivo aos seus compañeiros de todo o sistema sanitario, un «edificio de moitos quilates» que debemos «valorar, utilizar con responsabilidade e, por suposto, reforzar».
Para rematar, eloxiou o traballo de Agaela e considerou que a loita da asociación é hoxe de toda a sociedade galega. Lembrou que a comunidade foi das primeiras en ofrecer axudas específicas aos pacientes, pero insistiu en que «non é dabondo: agardo que moi pronto todas as institucións de España entendan que os doentes e as súas familias non teñen tempo para palabras baleiras. Necesitan feitos e apoio».
«Puntos de unión entre galegos»
Rueda considerou as medallas Castelao un exemplo de que «a identidade de Galicia non está marcada polo conflito, senón polo acordo», nun momento no que volven crecer as divisións e os conflitos.
O presidente da Xunta lembrou ademais a celebración do Ano Castelao neste 2025, unha conmemoración que «non procura reabrir feridas, senón seguir artellando puntos de unión entre galegos que pensan distinto». Rueda lembrou que transcorridos 75 anos da morte do político e escritor rianxeiro, «non se esixe nin sequera unha visión e lectura única da súa obra e pensamento». Nas últimas pasaxes do discurso, Rueda insistiu nese carácter integrador da figura de Castelao cunha cita literal dun dos seus escritos: «Nós non somos separatistas, nin de Hespaña (sic), nin de Europa, nin do mundo», e concluíu que os galegos «queremos ser exemplo de concordia». Polo que as medallas son patrimonio de todos.