Máis de 20.500 profesores inician en 183 tribunais as probas para ser funcionarios
GALICIA

A Coruña e Santiago acollen o maior número de aspirantes, procedentes de toda Galicia
21 jun 2025 . Actualizado á 08:07 h.É unha tradición: cando se remata o colexio empezan as oposicións de educación, e este ano non se vai a romper o costume. Onte rematou o curso e hoxe está convocados as probas para ser funcionario de carreira 20.520 persoas, que se repartirán en 183 tribunais para optar ás 1.664 prazas que se ofrecen este ano.
A Coruña, Ames, Betanzos, Culleredo, Ferrol, Lalín, Lugo, Oleiros, Ourense, Poio, Ponteareas, Pontevedra, Rábade, Santiago, Vigo e Vilagarcía son as sedes dos exames. Na provincia da Coruña hai 81 tribunais e 9.147 opositores das catro provincias. Máis de 1.000 daranse cita en dous institutos de Santiago, o Arcebispo Xelmírez e o Antón Fraguas, onde haberá 8 tribunais, para ser profesores de inglés; os aspirantes para ser docentes de Xeografía e Historia son 911 na comunidade e repartiranse en tres centros de Santiago (Eduardo Pondal, Compostela e Sar). O terceiro grupo máis numeroso entre os docentes de secundaria é o de Matemáticas, que estarán en Culleredo e serán máis de 600; uns cen menos se citará en Ames para ser profesores de Lingua e Literatura Galegas. En números absolutos, son os mestres (de primaria e infantil) o grupo máis grande, tanto que se reparten (uns mil na Coruña e 800 en Santiago).
Na provincia de Pontevedra hai 7.277 opositores rexistrados e 65 tribunais. Os que se apuntaron a Lingua Castelá e Literatura (uns 630) examínanse no IES Valle-Inclán (Pontevedra) e moi preto, no Sánchez-Cantón, estarán outros 600, esta vez de Tecnoloxía. En Lalín reúnense os aspirantes a docentes de Bioloxía e Xeoloxía (son máis de 600) e algúns máis serán os de Educación Física, que se concentran no IES do Castro (Vigo). Infantil e primaria teñen exame en Pontevedra e Vigo, con case 400 persoas en cada grupo e localidade.
Ourense cidade é a sede para 2.143 opositores, e ademais dos mestres (340 de infantil e 230 de primaria), o grupo máis numeroso (uns 360) é de FP, de Procesos Sanitarios, que se reunirán no CIFP A Carballeira.
En Lugo, pola súa banda, haberá sobre 600 mestres no Leiras Pulpeiro e no Ollos Grandes, mentres que 163 estarán en Rábade pensando en obter unha praza de Informática.
Os aspirantes son moitos, pero as prazas, menos. De mestres hai en total 428 postos en oito especialidades, e de ensino secundario son 918 as prazas en 33 modalidades; hai ademais 80 postos para profesores especialistas en sectores singulares de FP (non se necesita unha carreira para estes postos), como son cociña, estética, mantemento de vehículos, peiteado, patronaje ou mecanizado, entre outros.
Existen uns poucos postos de promoción interna: os 10 de inspección e os 230 para que persoas do grupo A2 ascendan ao A1 (de mestres a profesores de secundaria, ou de profesores técnicos de FP a docentes de secundaria) se remataron unha carreira e a formación que se lles esixe. Inglés e Lingua e Literatura Galegas son as especialidades con máis opcións, aínda que ningunha chega a trinta postos.