Os investigadores do crime de Elisa Abruñedo en Cabanas: «Foi un ataque brutal e completamente desmedido polas feridas que tiña»

GALICIA
Este mércores declaran na Audiencia Provincial os axentes que participaron na investigación: «Asestoulle tres puñaladas certeiras para causar a súa morte en pescozo, pulmón e corazón»
18 jun 2025 . Actualizado á 14:50 h.Arrinca a terceira vista do xuízo polo crime de Cabanas, na que están a declarar os autores dunha complexa investigación que rematou dez anos despois coa detención do principal sospeitoso de violar e asasinar a Elisa Abruñedo, unha veciña de Cabanas de 46 anos que saíra a pasear, como todos os días.
O primeiro testemuño foi o do capitán da UCO. Contou que no 2021 impúlsase de novo a investigación dun crime que se atopaba entón en punto morto. A partir de aí empezan a elaborar un perfil xenético tirando da mostra que deixara Roger Serafín Rodríguez no lugar dos feitos, e os axentes danse conta de que é moi similar a unha familia da zona, que colabora con eles. O estudo concluíu que o autor do crime era portador do xene MC1R, unha mutación presente nos roxos, como o detido. Ademais, descobren tamén que tiña os ollos escuros e entre 30 e 40 anos.
Na xornada deste mércores tamén declararon todos os axentes do grupo de Delitos contra as Persoas da Policía Xudicial da Garda Civil que participaron na investigación do crime de Cabanas, os mesmos que traballaron no caso Asunta. Reconstruíron o crime a partir das feridas que presentaba o corpo de Elisa Abruñedo. «Foi un ataque brutal e completamente desmedido polas feridas que tiña», afirmou o comandante da sección de homicidios da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil.
Segundo relataron, Roger Serafín agarraría a Elisa por detrás, polo que nunca lle vería a cara. Logo arrastrouna 17 metros e levouna polo aire, por iso perdeu as zapatillas que levaba. E tras agredila sexualmente exercendo gran violencia, «asestoulle tres puñaladas certeiras para causar a súa morte en pescozo, pulmón e corazón».
Mentres, e cando se fala das partes máis duras da agresión, Roger dormita. Segue vestido igual que na primeira e na segunda sesión do xuízo, co suadoiro granate que levaba cando foi arrestado.
Os seguintes en intervir foron o responsable da Policía Xudicial da Comandancia da Coruña e outros tres axentes. Un deles sinala unha data clave: o 3 de outubro do 2023. Aí danse conta de que Roger Serafín podería ser o culpable polo perfil xenético, despois de facer un cribado entre o resto de persoas coas mesmas características, así que o seguen.
Como necesitan unha proba de ADN, e Roger Serafín non facía vida social, ségueno pola noite e proceden a desinfectar o seu coche, precisamente a manilla e o espello retrovisor, para que pola mañá cando o abra poidan recoller cun hisopo unha mostra. Así que o 3 de outubro pola noite ségueno ata a súa casa en Narón e proceden a desinfectar o vehículo. Logo, pola mañá, volven seguir ata o seu traballo en Navantia, en Ferrol, e recollen a mostra.
Esa proba dálles o perfil completo para saber que sería el o responsable da morte da veciña de Cabanas e detéñeno o 17 de outubro. Na detención, cando estaba no seu traballo, Roger Serafín chegou a dicirlle aos axentes que Elisa se subiu voluntariamente ao seu coche. O que os axentes descartaron, de acordo cos datos de informes sobre como fora o ataque. Sostivo que ambos se coñecían e que houbo unha discusión tras a cal se produciron os feitos.
Sorprendido, pero tranquilo
Sobre ese día, os axentes explicaron que non mantivo unha «actitude agresiva». «Calou e mostrouse sorprendido, pero sempre tranquilo», segundo afirmou o comandante da UCO. Roger Serafín confesou, aínda que dando unha versión distinta sobre o sucedido: sostivo que ambos se coñecían, que ela se subiu ao coche e que houbo unha discusión tras a cal se produciron os feitos. Isto descartárono todos os investigadores.
Polas lesións da vítima; por como estaba o coche do acusado situado, «mal aparcado» e por outras probas recollidas na zona, consideraron que foi un ataque sorpresivo, por detrás, e aproveitando o procesado que cando ía pola zona no seu vehículo viuna soa. Os axentes destacaron, respecto diso, o feito de que a vítima fose atopada cos cascos que levaba para escoitar música.
A arma non foi localizada, aínda que un garda civil expuxo que no rexistro no domicilio do acusado atopouse un coitelo que Roger Serafín dixo que era «similar» ao empregado. «É imposible que ela puidese defenderse», insistiu en liña coas súas demais compañeiros.
Como foron os feitos
Roger Serafín atópase en prisión desde o 19 de outubro do 2023, á que foi trasladado tras ser detido pola Garda Civil no seu posto de traballo, no estaleiro de Navantia en Ferrol, onde era operario dunha empresa auxiliar. Tras o arresto, confesou ser o responsable da violación e morte de Elisa Abruñedo dez anos atrás.
Segundo o escrito de acusación, entre as 20.45 e as 21.00 horas do 1 de setembro do 2013, o home conducía o seu vehículo cando viu camiñando á vítima pola estrada provincial DP-1503, nas inmediacións do seu domicilio. Logo desprazouse a un camiño de terra da zona, detivo o seu coche e dirixiuse á muller «abordándoa por detrás, agarrándoa fortemente cun brazo e golpeándoa na cara, na zona da mandíbula».
Acto seguido, segundo o Ministerio Fiscal, o procesado introduciuse no terreo situado ao lado da estrada «no que había piñeiros e abundante vexetación de monte baixo», arrastrando á vítima marcha atrás mentres a sostiña fortemente de costas a el, «percorrendo aproximadamente 17 metros ata o interior da parcela, onde non podía ser visto desde a estrada».
Alí violouna e asasinouna, segundo Fiscalía e as acusacións que piden penas que suman 37 anos de cárcere. A defensa entende que os feitos son constitutivos de homicidio, non de asasinato, e recoñece a agresión sexual.