
O 21 de maio do 2024 iniciáronse os servizos AVE entre Madrid e as grandes cidades de Galicia, Vigo e A Coruña, sen transbordo en Ourense. Unha modesta oferta dunha AVE a cada destino, pero coa característica de servizo case directo, pois os trens, desde Ourense, só paraban en Zamora. Posteriormente, en xullo do ano pasado, implantáronse os Avlo (baixo custo) alternos ás dúas cidades costeiras. En novembro substitúese un Alvia de Vigo por unha AVE e, en decembro, o Alvia con orixe/destino Ferrol acurta a súa ruta ao ser substituído por un Avlo. Finalmente, en xaneiro do 2025, un Alvia Vigo-Madrid foi substituído por un Avlo.
No conxunto dos servizos Madrid-Galicia-Madrid, composto polos novos trens AVE e Avlo, máis os servizos Alvia prestados polos veteranos Talgo 730, Renfe, para aforrarse trens ad hoc, foi engadindo as paradas nas poboacións de terceiro nivel (A Gudiña, Sanabria, Medina del Campo) e en Segovia (a pesar de contar xa con 27 servizos esta capital).
O servizo AVE é un produto comercial deseñado por Renfe para comercializar trens de alta velocidade entre Madrid e as grandes capitais do país, con percorridos de entre 400 e 640 quilómetros e un mínimo de paradas (1,5 de media por servizo). O servizo Avlo amplía as súas paradas intermedias, llegando ás 3,6 de media no conxunto dos seus itinerarios.
Os novos servizos programados por Renfe para Galicia a partir de hoxe prevén 3,2 paradas de media para os AVE e 6,5 paradas de media para os Avlo, o que coloca a Galicia totalmente fóra das prestacións de calidade do produto que aplica no resto do país. Por tanto, en xustiza, non debería aplicarse a mesma escala tarifaria.
Renfe cometeu un erro —probablemente por presións políticas, xa que non se explica comercialmente— de degradar o deseño dalgúns servizos de longa distancia a Galicia, intentando aforrar os servizos específicos que agora lle demandan as poboacións de terceiro nivel por consideralos dereitos adquiridos. Renfe debe asumir as consecuencias e ofrecer, á súa costa, os servizos que institucionalizou. Ao mesmo tempo, debe dar resposta ás lóxicas e xustas reclamacións dos rexedores das cidades costeiras de Galicia, cuxos usuarios deben recibir o mesmo trato e calidade de servizo que os das restantes cidades da periferia do país ou axustar o custo dos billetes en caso contrario.