Amplíase un mes o prazo para presentar solicitudes para o programa Retorna Talento FP
GALICIA

Estas bolsas, dirixidas a galegos no estranxeiro interesados en regresar para cursar estudos de formación profesional, poderán solicitarse ata o 25 de xuño
23 may 2025 . Actualizado á 13:48 h.A Xunta decidiu aumentar un mes máis o período no que se pode solicitar unha das 150 bolsas ofertadas para o programa Retorna Talento FP. Desta forma, os interesados poderán facelo ata o 25 de xuño, incluído. Así o anunciou a Consellería de Educación a través dunha orde publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) este venres. Orixinalmente, o prazo para realizar o citado trámite debía pechar o próximo luns, 26 de maio.
Esta bolsa de bolsas está dirixida a galegos que se atopen vivindo no estranxeiro e que estean interesados en retornar á comunidade para cursar determinados estudos de formación profesional. No caso da actual convocatoria, ofértanse 150 prazas para iniciar estudos este 2025 en centros educativos da comunidade. As solicitudes poderán presentarse de forma dixital, a través da sede electrónica da Xunta.
A metade das prazas, 75 delas, están ideadas para cursar certificados profesionais, que acreditan competencias profesionais específicas. O outro 50% son prazas para ciclos de formación profesional, os que outorgan títulos de Técnico ou Técnico Superior. Ambos a través dun réxime dual intensivo, é dicir, máis prácticos e con formación directa en empresas do sector.
Requisitos e contía
Para optar a estas axudas, os interesados deben contar coa cidadanía galega e poder acreditar que son residentes no estranxeiro desde, polo menos, dous anos. Deberán ser maiores de 18 anos e ser emigrante nado en Galicia, non nacer na comunidade pero contra con nacionalidade española e residir nela durante polo menos 10 anos antes de emigrar ou ser descendente por consanguinidade dun emigrante nado en Galicia.
Para acceder a ciclos de FP terase que estar en posesión dalgunha certificación homologada que lle de acceso á correspondente formación e dispor de conexión a internet e un dispositivo móbil ou computador compatible coa plataforma de teleformación da Consellería de Educación. No caso desta bolsa, as subvencións individuais serán de 12.000 euros, mentres que para os que accedan ás prazas de certificados profesionais terán unha axuda de 4.000 euros.