Os alumnos galegos poderán matricularse por móbil o próximo curso

Xosé Vázquez Gago
X. Gago SANTIAGO

GALICIA

Román Rodríguez interviniendo en una sesion del Parlamento en una foto de archivo
Román Rodríguez intervindo nunha sesion do Parlamento nunha foto de arquivo PACO RODRÍGUEZ

O formulario dixital aplicarase a todos os níveles, de infantil a FP, e convivirá cos de papel

21 may 2025 . Actualizado á 18:32 h.

Os alumnos galegos poderán matricularse a través do teléfono móbil. O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, anunciou hoxe mércores no Parlamento que o novo sistema estará para o próximo curso 2025-2026 e poderán empregalo os estudantes de todas as etapas, desde infantil ata bacharelato e FP.

O prazo de matrícula nos centros escolares galegos estará aberto do 20 ao 30 de xuño para os pupilos de infantil e primaria e do 23 de xuño ao 7 de xullo para os de ESO e bacharelato.

Rodríguez considerou a medida «un avance» para as familias e os centros educativos, que seguirán tendo ao seu alcance a matrícula en papel para os alumnos que os prefiran.

A pesar de todo, agarda que o novo sistema reduza o papelorio que afrontan tanto os estudantes como os traballadores do sistema educativo. A súa aplicación inclúese  entre as medidas de redución da burocracia adoptadas pola Xunta no marco do acordo de mellora do sistema educativo pactado cos sindicatos no 2023.

Rodríguez anunciou a posta en marcha da matrícula por móbil na súa resposta a unha interpelación da parlamentaria do BNG Cristina Fernández Dávila, que reclamou melloras no sistema educativo.

A deputada esixiu que se reduzan as cocientes de alumno por profesor e que se recuperen as melloras para o persoal docente recollidas no acordo que o seu partido e o PSdeG asinaron no 2007, cando ambas as formacións  gobernaban a Xunta.

O conselleiro replicou que xa se está aplicando unha redución das cocientes de acordo co  citado pacto acadando pola Xunta cos sindicatos UGT, CC.?OO. e Anpe no 2023. A CIG, a central próxima ao BNG, non o secundou. Rodríguez lamentou que ese partido acudise ao Parlamento co mesmo discurso «negacionista» e considerou que é o sindicato o que controla a acción do partido.