Pontón chama a defender o galego e critica a Xunta por negar a emerxencia do idioma

GALICIA

Xurxo Martínez | EFE

A portavoz nacionalista califica de desvergonza que o PP cuestione a fiabilidade e a relevancia dos datos oficiais do IGE

16 may 2025 . Actualizado a las 14:10 h.

A portavoz nacional, Ana Pontón, fixo un chamamento á participación masiva na manifestación -convocada para mañá 17 de Maio pola plataforma Queremos Galego con motivo do Día das Letras Galegas- para celebrar «o orgullo de ter unha lingua propia e defender o dereito a vivir en galego diante dunha situación de emerxencia lingüística».

Pontón puxo en valor o «tremendo orgullo» que hai no país por ter e defender unha lingua e unha cultura propias e animou a «encher as rúas de Compostela dese amor, desa dignidade» e, sobre todo, da reivindicación de «querer seguir mantendo vivo o idioma, xeración tras xeración».

«É o legado que nos deixan as xeracións anteriores e o que queremos deixarlles ás nosas fillas e ás nosas netas», remarcou nun acto en homenaxe ás cantareiras e pandeireteiras que este 17 de Maio protagonizan o Día das Letras pola súa aportación fundamental na conservación da poesía oral galega, acto que contou coa participación dun grupo de mulleres vinculadas á creación musical e da portavoz parlamentaria de Lingua, Mercedes Queixas.

Logo de felicitar a Real Academia Galega por unha escolla que «pon non centro dous elementos que normalmente están nas marxes» como son as mulleres e unha cultura tradicional que continúa moi viva, a portavoz do BNG lamentou que, pese a todo este orgullo da cidadanía pola súa lingua e a súa cultura, o Goberno do PP levase o galego a unha «situación de emerxencia lingüística» coas súas políticas «de acoso e derribo».

«O señor Rueda empezou manifestándose en contra da lingua galega nunha vergoñenta manifestación, continuaron cunha política de acoso e derribo durante 16 anos e chegamos ao punto no que estamos hoxe, onde vemos como o idioma galego está nunha situación crítica», recordou Pontón, quen recriminou ao presidente da Xunta o seu «empeño» por seguir mantendo «todos e cada un dos elementos» que levaron o idioma á preocupante situación na que se atopa.

Neste sentido, criticou ao PP que chegue até o punto de cuestionar a lexitimidade dos datos oficiais do IGE que apuntan a esta «emerxencia lingüística», tal e como fixo esta mesma semana no Parlamento, «demostrando non só a súa desvergonza política, senón tamén que seguen instalados na política da mentira e da propaganda en contra do galego», reprochou.

«O certo é que ese trilingüismo do que nos fala o Partido Popular non é máis que un timo: non avanza o galego, non avanza o inglés, o único que avanza é un empobrecedor monolingüismo en castelán», advertiu, para recordar a continuación que unha de cada tres persoas menores de 14 anos di que non sabe falar galego ou sabe falalo moi pouco, que o 54% da xeración educada baixo o «decreto da vergoña» (o denominado decreto de plurilingüismo) afirma que non fala nunca galego ou que tan só un 8% dos nenos e nenas menores de sete anos falan sempre galego, a metade de hai catro anos.

A portavoz do BNG urxiu o PP a «mudar o rumbo» da súa política lingüística e que escoite «a un país que quere a súa lingua, fale na lingua que fale, e que quere que o galego teña mil primaveras máis».