A Xunta descarta unha emerxencia do galego e cuestiona a fiabilidade dalgúns datos do IGE

GALICIA

Un novo enfrontamento entre o Goberno e a oposición nas vésperas do Día das Letras Galegas afasta o pacto pola lingua proposto polo conselleiro, José Campos
14 may 2025 . Actualizado a las 17:05 h.
Malamente pode alcanzarse un consenso en materia lingüística se os partidos chamados a alcanzalo non coinciden nas causas do problema nin en cales son as solucións para resolvelo. En vésperas do Día das Letras Galegas, Goberno e oposición volveron escenificar que o pacto pola lingua —proposto pola Xunta despois de que o IGE constatase un retroceso alarmante do galego— é a día de hoxe unha quimera. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, volveu propoñelo este mércores. Foi no Parlamento, onde compareceu a petición propia. Unha intervención na que fixo un repaso ás medidas de promoción e defensa do idioma emprendidas o último ano, pero na que deixou clara unha cousa: o galego, dentro das linguas minoritarias europeas, é o idioma que goza de mellor saúde. E aproveitou para poñer en cuestión a relevancia dalgúns datos do IGE, que son os que coloca en primeiro plano a oposición. «Vostede sabe mellor ca min, señora Queixas, que o dato do grao de coñecemento nos menores de 14 anos é pouco relevante e fiable, porque non responden eles; en Cataluña nin o utilizan», recriminoulle á deputada do BNG. Valentín García advertiu, unha vez máis, que o declive no uso do galego ten que ver coa chegada da poboación inmigrante e puxo o foco en traballar sobre os neofalantes. «Ningún pobo fala o idioma que lle di o seu Goberno», criticou á oposición.
A deputada nacionalista mostrouse especialmente dura co representante da Xunta, ao que acusou directamente de representar un Goberno que aplicou políticas lesivas contra o idioma. Algo que se concreta no decreto de plurilingüismo adoptado por Feijoo no ano 2010, que coincide co inicio do devalo no uso da lingua, segundo o BNG, e que puxo fin ao consenso de todas as forzas en normalización, alcanzado na época de Fraga. O BNG deixoulle clara á Administración galega a súa disposición para negociar. Pero estableceu tres liñas vermellas: derrogación da norma en vigor, aprobación dunha nova e cumprimento da Lei de Normalización Lingüística. «Vostede vén aquí como se nada pasase e leva 13 anos. Cómpre facerse tres preguntas. En que momento está a lingua? Para onde quere que vaia? Como vai desenvolver ese proxecto? Vostede e eu sabemos o importante que é planificar. É urxente crear unha planificación, con ferramentas, cronoloxía. Non unha serie indeterminada de accions», asegurou Mercedes Queixas.
Pola súa banda, a deputada socialista Silvia Longueira —que cuestionou o papel que exerce actualmente a CRTVG neste asunto— tirou de ironía para criticar as políticas da Xunta. «Nunca pensei que ía ter que defender a Manuel Fraga, pero foron vostedes quen romperon o consenso lingüístico e se puxeron no 2009 detrás da pancarta», dixo en referencia ao apoio do PPdeG ás protestas de Galicia Bilingüe nas vésperas das autonómicas daquel ano. Para contrarrestar o IGE, o secretario xeral esgrimiu os datos da enquisa encargada posteriormente pola Xunta ao Instituto Sondaxe sobre a percepción social do galego, do mes de febreiro, na que un 45,4 % das familias con nenos en idade escolar aseguran que os seus fillos usan o galego e o castelán; soamente o galego, un 8,3 %; e só castelán, un 31 %.
«A lingua galega está no momento que quere o seu pobo que estea», asegurou tras instar a coller as estatísticas como «o que son, estudos» porque o dato fundamental é que «a lingua galega segue aí» e é «unha parte consustancial» da sociedade.
García admitiu o «incremento de monolingües» en castelán que mostra o informe do IGE, de outubro do ano pasado, pero insistiu en que se debe sobre todo á xente que chega de fóra da comunidade, mentres que a lingua galega segue sendo «maioritaria entre os nados en Galicia».
Probas Celga e topónimos
Para estas persoas que proceden de fóra de Galicia, tal e como explicou o representante da Xunta, púxose en marcha o plan de acollemento lingüístico, resaltou o secretario xeral, quen anunciou que neste mesmo ano se realizará unha proba piloto para facer por internet os exames dos cursos de certificados de lingua galega (Celga). Valentín García tamén puxo en valor a novidade dos cursos de galego no ámbito da xustiza e os primeiros específicos para sanitarios; ou as probas para habilitar novos tradutores xuradores do galego, cun decreto que establecerá as bases para estas probas de tradución de castelán, inglés, francés, portugués, árabe, e alemán.