
O deputado Luis Bará asegura que a declaración de impacto ambiental só afecta á primeira fase do proxecto
02 may 2025 . Actualizado á 19:19 h.O Bloque Nacionalista Galego (BNG) acusou esta mañá ao PP de incorrer en fraude de lei no proxecto industrial de Altri, ao tramitar unha declaración de impacto ambiental que só afecta á primeira fase. Nunha comparecencia no Parlamento galego, o deputado Luis Bará pediu o cesamento da directora xeral de Patrimonio por asinar un informe que inclúe propostas como converter a cheminea nunha icona artística ou buscarlle usos alternativos que revertan na comunidade local. «Intentan camuflar o impacto visual cunha pantalla de árbores que tardarán 15 anos en acadar 15 metros cando hai caldeiras que miden 60», asegurou Bará.
«A bola de irregularidades que se van coñecendo aumentan as sombras e sospeitas sobre a xestión do Executivo de Rueda. É a propia Xunta, igual que pasou na éolica, a que está a crear inseguridade xurídica por actuar de maneira irregular e parcial, por non respectar a lei nin os procedementos», dixo o deputado nacionalista.
Bará referiuse a fraude de lei que supón, en primeiro lugar, que non haxa unha valoración integral do proxecto da macrocelulosa pois, tal e como explicou, a declaración de impacto ambiental só fíxose da primeira parte do proxecto, o que ten «importantes consecuencias» tanto no que se refire a consumo de auga como de eucalipto. Lembrou, neste sentido, que nunha primeira fase Altri prevé a produción de 250.000 toneladas de pasta celulosa e 60.000 liocel, mentres que na segundo serían 400.000 e 200.000 respectivamente. Na avaliación só se contempla ademais a ocupación de 120 hectáreas, cando «é evidente que pode ser máis do doble».
Entre outras cuestións, o deputado nacionalista criticou que non se avalíe nesta fase de tramitación a liña de alta tensión e a subestación eléctrica que sería necesario construír e que estaría, ademais, na contorna de protección do Camino de Santiago.
«Tampouco se fixo unha avaliación acumulativa e sinérxica de todos os impactos, o que podería constituír outro motivo de irregularidade e podería dar lugar á vía contencioso administrativa e a unha posible paralización cautelar do proxecto», apuntou Luis Bará.