Os alumnos de quinto de Medicina xa terán docencia clínica en Vigo e A Coruña no curso 2026-27

GALICIA

Os estudantes de cuarto sumaranse ao ano seguinte e as clases teóricas manteranse en Santiago
19 mar 2025 . Actualizado á 17:52 h.A descentralización da docencia clínica de Medicina ampliarase a partir do curso 2026-2027 aos alumnos de quinto curso. Os estudantes da facultade poderán realizar as súas prácticas, máis dun mes, nos hospitais de Vigo e A Coruña ademais de en Santiago, e ao ano seguinte sumaranse os de cuarto. Hai que lembrar que os de sexto xa están repartidos no coñecido como rotatorio, neste caso nos hospitais das sete cidades galegas.
Os conselleiros de Educación e Sanidade, Román Rodríguez e Antonio Gómez Caamaño respectivamente, o reitor da USC, Antonio López, e o decano de Medicina, Julián Álvarez Escudero, anunciaron o inicio dun proceso no que se estudará como e con cantos alumnos se iniciará esta «optimización», xa que, explicou Caamaño, «a partir de agora non me ides escoitar falar de descentralización, falarei de optimización».
Trátase, apuntou Román Rodríguez, de desenvolver o convenio asinado no 2015 coas tres universidades, no que se recolle o compromiso de que a única facultade de Medicina de Galicia sexa a da USC pero tanto Vigo como A Coruña poidan colaborar na formación. No texto si se recorre ao termo «descentralizada» á falar destas prácticas. A docencia teórica manterase en Santiago, polo que os alumnos se desprazarán unicamente durante as semanas que fagan esta parte clínica, xa que niso tempo non se imparte teoría.
Esta repartición dos estudantes busca optimizar os recursos sanitarios que ten a comunidade e mellorar a formación do alumnado e por tanto a atención aos pacientes. «É unha ventá de oportunidades para poder ter a mellor docencia clínica posible», sinalou o conselleiro de Sanidade.
Gómez Caamaño lembrou que a facultade de Santiago é a máis grande de España, con 403 estudantes de novo ingreso, e o Clínico ten problemas para atender aos 1.500 alumnos que anualmente realizan prácticas neste hospital, polo que «este é un camiño que hai que empezar a percorrer».
Esta distribución dos estudantes farase mediante un proceso regrado como xa se fai en sexto curso, aplicando criterios razoables como a procedencia dos alumnos, apuntou o decano, Álvarez Escudero. En canto aos profesores que darán estas prácticas, hai docentes asociados de ciencias da saúde (PACs) e incluso profesores vinculados da USC no hospital de Vigo. O obxectivo é incrementar este número, pero hai que ter en conta que este último grupo necesita a acreditación da Aneca, ríxida e pouco adaptada ás peculiaridades do colectivo médico, polo que en toda España hai déficit deste tipo de docentes. O reitor da USC, de feito, non descarta que poidan colaborar tamén vinculados das outras dúas universidades, e referiuse en concreto á UDC.
Para desenvolver este proceso crearase un grupo de traballo a partir do mes de maio, agardando a que se resolvan as eleccións ao decanato de Medicina. Precisamente o decano actual, Julián Álvarez Escudero, negou que sexa necesario incrementar as prazas do grao de Medicina: «a opinión dos expertos é que xa sobramos médicos agora, faltan en determinadas especialidades e en determinados momentos». O conselleiro de Sanidade tamén avogou por conter o aumento de prazas, «porque nos imos a pasar de freada», aínda que engadiu: «médicos de familia, pediatras e psiquiatras fan moita falta».