Así será a estabilización de 67.000 profesionais sanitarios este ano

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

MARCOS CREO

As comunidades deberán convocar todas as prazas antes do 31 de decembro. O persoal de maior antigüidade só terá que pasar un concurso. En Galicia son 2.568 prazas, das que 1.808 cubriranse por méritos. O resto, por oposición

06 jul 2022 . Actualizado á 10:55 h.

Anunciábao o presidente do Gobierno, Pedro Sánchez, hai uns días: os sistemas sanitarios de España estabilizarán a máis de 67.000 profesionais. O anuncio, aínda que recibido con críticas por parte da comunidades e acusacións de propagandista, concretouse este martes no Consello de Ministros, que aprobou o decreto que modifica o estatuto marco do persoal sanitario e que ten dous obxectivos: o primeiro, estabilizar ao persoal temporal e interino que aguzosa os seus servizos na sanidade española. O segundo, evitar que volva aumentar a taxa de temporalidade na sanidade española. 

En Galicia son 2.568 as prazas que se publicaron no DOG o pasado 30 de maio. A cifra dábaa o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha comparecencia na que subliñou que non se trata de prazas novas. Así ten que ser o proceso de estabilización, segundo o decreto que este martes debullou a ministra de Sanidade, Carolina Darias, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros.

Cando se pon en marcha o proceso?

As máis de 67.000 prazas de estabilización deberán de ser convocadas antes do 31 de decembro polas diferentes comunidades, que son as que teñen competencias para iso. Trátase de prazas que foron ocupadas por persoas en réxime de interinidade durante polo menos tres anos.

O decreto que aprobou o Consello de Ministros entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no BOE, pero debido ás novas denominacións do persoal temporal, establece un prazo de catro meses para que se realicen as adaptacións necesarias nos sistemas de información de recursos humanos das administracións.

Hai que presentarse a unha oposición?

Establécense dous sistemas de acceso á praza fixa, dependendo do tempo que o persoal leve en situación de temporalidade. Así, para aquelas persoas que traballasen de xeito ininterrompido desde antes do 1 de xaneiro do 2016 celebrarase un concurso, ou o que é o mesmo: deberán presentar méritos para poder obter a praza.

Para aquelas persoas que leven tres anos exercendo de xeito continuo antes do 31 de decembro do 2020 celebrarase un concurso-oposición para o acceso ás prazas. 

Xa non se pode contratar persoal temporal?

Si, aínda se pode, pero o obxectivo é que se trate de casos excepcionais. O decreto crea dous grandes grupos de traballadores temporais: os interinos e os substitutos.

O persoal interino poderá contratarse cando exista unha vacante que non poida ser cuberta por persoal fixo, aínda que se establece un prazo máximo de tres anos. Tamén se poderán contratar interinos para a execución de programas de carácter temporal ou por exceso ou acumulación de tarefas (como por exemplo a necesidade de alixeirar as listas de espera de traumatoloxía, para o que se contrata reforzo), aínda que o prazo máximo ten que ser de nove meses dentro dun período de 18. Unha vez cumpridos eses prazos, e se segue facendo falta o persoal, deberá tramitarse unha praza estrutural. Se non se crea, non se poderá facer un nomeamento novo por esa mesma causa en dous anos.

O persoal substituto será o que se contrate para cubrir vacacións, baixas, dispensas e outras ausencias que traian aparellada reserva de praza, así como para complementar a xornada daquelas persoas que a teñan reducida, por exemplo, para o coidado de menores ou de maiores. Tamén se poderán utilizar para a cobertura de exención de gardas (por razón de idade ou de enfermidade) e que só permitirá para substituír ata a dúas persoas sempre que non se poida facer co persoal dispoñible e respectando os límites legais da xornada. 

Como afecta a Galicia?

O Sergas publicou o pasado 30 de maio a convocatoria das 2.568 prazas que entran dentro das máis de 67.000 que suman todas as comunidades autónomas. Delas, 1.808 resolveranse mediante concurso de méritos (sen oposición). Os 760 restantes cubriranse mediante concurso oposición.

Unha vez completados os procesos (que durante os últimos anos estabilizaron a máis de 11.000 sanitarios) a taxa de temporalidade do Sergas será do 4%, a metade do tope establecido pola Unión Europea (un 8%).