A Xunta prohibe a contaxiados e sospeitosos votar mañá e ofrece «garantías absolutas» ao resto para exercer o dereito ao voto

Susana Luaña Louzao
Susana Luaña SANTIAGO

GALICIA

XOAN A. ADOITAR

Os que non poderán facelo xa foron advertidos por Sanidade; son os contaxiados e os sospeitosos, ben por ter síntomas, ben por estar pendentes do resultado da proba. En total, uns 300

14 jul 2020 . Actualizado ás 13:47 h.

Hai unhas 300 persoas que non poderán votar mañá para as eleccións galegas. Son os que deron positivo por coronavirus e os sospeitosos de padecer a enfermidade, ben porque teñen síntomas, ben porque están pendentes do resultado dunha proba. Todos eles foron advertidos por teléfono de que non poderán acudir aos colexios electorais, tal e como confirmou esta mañá o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, nunha visita que fixo ao centro de control desde o que se ofrecerá toda a información sobre a xornada electoral e sobre os seus resultados.

O non cumprimento da orde suporía unha infracción da Lei de Saúde de Galicia por desobediencia ás autoridades sanitarias e causar un risco sanitario. Non se vai a facer un seguimento especial dos positivos e os sospeitosos. «Non se lles vai poñer vixianza -aclarou Rueda -, apelamos á súa responsabilidade para que non poñan en risco a súa saúde a as dos demais. Eles xa o saben porque a Consellería de Sanidade comunicoullo», especificou.

Con esa excepción, todos os demais galegos poderán participar «con absoluta garantía» na xornada electoral «na que van elixir o goberno galego dos vindeiros catro anos». Rueda subliñou que se estableceu un protocolo que permitirá que «probablemente, ir votar sexa a actividade máis segura que poidan realizar os galegos mañá». O vicepresidente da Xunta, acompañado do director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, e do persoal que centralizará todo o dispositivo de control, lembrou que haberá máscaras dispoñibles para todas as persoas que vaian votar, así como un circuíto que garanta a mobilidade mantendo as distancias de seguridade, e que en todos os colexios haberá persoal de Protección Civil e da Administración autonómica para resolver todas as dúbidas e axudar aos cidadáns. Alfonso Rueda subliñou que o obxectivo é que a xornada transcorra «sen incidentes», como calquera outra, aínda recoñecendo que se trataba, «sen dúbida» dunha convocatoria diferente ás demais pola incidencia dunha pandemia que obrigara a «extremar as medidas sanitarias» co fin de que «ir votar sexa absolutamente seguro desde ou punto de vista sanitario».

Con esa intención fixéronse dous controis nas case 4.000 mesas dos 2.400 colexios electorais, un hai un mes e outro a semana pasada, para garantir que cumpren os requisitos que esixen as autoridades sanitarias. Alfonso Rueda agradeceu a todos os partidos políticos que teñan chamado á mobilización e animou a acudir ás urnas: «Que ninguén quede sen ir votar porque vai ser absolutamente seguro», insistiu.

Como é habitual, desde o centro de control haberá catro comparecencias ao longo da xornada. A primeira, sobre as 10:30 horas, tras a apertura dos colexios, e as demais, ás 12:30, ás 17:30 e a partir das 21:30 para informar xa dos resultados.