2,3 millóns para a loita contra a velutina

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

ANA GARCIA

Xunta e Fegamp acordan centralizar a recollida de niños, liberando aos grupos de urxencias deste labor

17 oct 2019 . Actualizado ás 10:11 h.

Ata agora había en Galicia catro sistemas diferentes de retirada de niños de velutina, en función do municipio no que estes se localizasen.124 concellos colaboran coa Xunta e dedícanse cos seus propios medios, ou medios cedidos pola Administración, á retirada destes niños. Noutros 106 son os GES (grupos de urxencias) os que asumen esta tarefa, que corresponde á Consellería de Medio Ambiente nos 22 municipios incluídos en Rede Natura e a Medio Rural noutras 61 localidades.

«Este cuádruplo sistema pode dar problemas de resposta», recoñeceu este mércores o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. O número de niños que se localizan, dixo, é «elevado» e require unha resposta «homoxénea». Para buscar esa resposta homoxénea, Vicepresidencia e a Federación Galega de Municipios e Provincias asinaron un acordo encamiñado a pór en marcha «de maneira coordinada e conxunta» un plan de loita contra a avespa velutina. 

Este plan estará dotado con 2,3 millóns de euros, diñeiro que sairá de fondos propios da Xunta e do Fondo de Cooperación Local. O obxectivo é concentrar recursos e esforzos ofrecendo «unha resposta profesional e eficaz», unha resposta que será homoxénea en todo o territorio afectado pola presenza da avespa asiática. Isto, ademais de buscar unha maior eficacia na loita contra esta especie invasora, servirá tamén para liberar aos GES desta tarefa, de tal xeito que poidan centrarse de forma exclusiva na xestión de urxencias, xa que durante os últimos anos a velutina ocupa gran parte dos operativos destes grupos. 

Nos últimos anos constatouse un aumento da presenza de niños. No que vai deste 2019 neutralizáronse 15.000, pero quedan ao redor doutros dez mil por retirar. «Ante esta situación a Xunta decidiu redobrar esforzos neste eido e actuar para frear a invasión desta especie invasora en colaboración coa Fegamp».