«Ou as velutinas acaban connosco ou temos que acabar nós con elas»

Ángela Taboada e Daniel Vázquez, dous mozos galegos, presentan un documental sobre a avespa asiática que protagoniza o avó dun deles

Ou acaban elas con nós ou temos que acabar nós con elas». Esta cita podería formar parte do guión dunha película sobre zombis, alieníxenas ou robots que, ao estilo de Odisea no espazo, vólvense contra do ser humano. Pero non se trata de ficción. Nin o protagonista é actor nin a inimiga á que se enfronta está creada por computador. O argumento reflicte unha realidade moi coñecida para os galegos, en especial para quen, como o personaxe que fala, dedícanse á apicultura: a súa loita diaria contra a velutina. Baixo o título As Ladras, un curto documental dirixido por dous mozos galegos pon voz e cara ao conflito que supuxo para o rural a aparición da especie invasora.

«Queremos concienciar sobre este problema, dar unha imaxe real do que está a pasar. Só se xera alarma cando as avespas pican a unha persoa e morre. A maioría da xente non sabe que o verdadeiro problema da velutina é que ataca ás abellas. É algo que eu non sabía ata que empecei a investigar», explica Ángela Taboada, a moza de Baiona que, xunto a Daniel Vázquez, decidiu levar á especie invasora ás pantallas.

;
Tráiler do documental As Ladras A peza audiovisual de 15 minutos forma parte de 'Pepe e vespa velutina', un proxecto transmedia sobre a avespa asiática en Galicia

Ambos os mozos estudaban (ata o luns) un máster en Madrid e a súa obra é parte do traballo que presentaron para obter o título. «O proxecto xurdiu fai oito meses para unha materia na que tiñamos que expor un documental. A idea foi de Dani, o meu compañeiro. O curto conta a historia de Pepe, o seu avó, na súa loita diaria contra este insecto», conta Ángela. «A finais de marzo viñemos a Galicia e en tres días gravamos todo», relata. Aínda que a operación poida parecer arriscada, aclara que «ninguén sufriu danos durante a rodaxe. Foi nun mes no que aínda non había moitas velutinas e as que había estaban nas trampas que fabrica o avó de Dani».

Pero o documental, que se publicou este mércores na páxina web do traballo, é só unha pequena parte do proxecto: «A información máis xornalística está na páxina web». Trátase dunha reportaxe transmedia chamado Pepe e a vespa velutina. Entre outras cousas, inclúe unha reportaxe sobre o insecto que conta coa opinión de varios expertos, como o portavoz da Asociación Galega de Apicultura, Suso Asorey. Tamén ten un xogo de preguntas e respostas no que o usuario pode elixir pórse no bando de Pepe e construír unha trampa caseira ou formar parte do equipo das avespas e intentar conquistar o planeta. Todo cun obxectivo informativo: «Esperamos que a quen entre na nosa páxina ou nas nosas redes sociais quede claro cal é o problema».

O tema é unha aposta arriscada para presentar en Madrid, onde non teñen o problema da velutina. «A maioría de persoas ás que lle falamos da avespa asiática non tiñan nin idea. De feito, un dos profesores confundiuse e estivo durante unha clase enteira chamándolle avespa africana», conta a directora. «Pero a todo o mundo lle pareceu moi interesante e puxéronnos un sobresaliente», matiza.

Votación
15 votos
Comentarios

«Ou as velutinas acaban connosco ou temos que acabar nós con elas»