O pagamento parcial de Facenda deixará un buraco de 200 millóns nas contas de Galicia

Rubén Santamarta Vicente
rubén santamarta REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

MARTINA MISER

A Administración autonómica, obrigada a tirar de novas pólizas ou atrasar pagamentos se Madrid só abona 330 millóns

11 oct 2019 . Actualizado ás 08:15 h.

Os 330 millóns de euros que lle corresponden a Galicia polas súas entregas a conta -a participación das comunidades nos ingresos do Estado, sobre todo IRPF e IVE- e que pagará finalmente Madrid, non liquidan o problema financeiro da comunidade a curto prazo. Tan curto como leste mesmo ano. Porque a Xunta contaba para este exercicio con 530 millóns. Así figura nos orzamentos para o 2019 que aprobou o Goberno galego hai un ano. Figuran esas entregas do Estado (que Madrid lle anticipou que serían 330 millóns, aínda que a final de ano se axustan arriba ou abaixo), e ademais 200 millóns pendentes dunha mensualidade do IVE do 2017. Ese é o buraco que queda.

Isto último, o IVE do 2017, é un problema que a actual Administración de Pedro Sánchez herdou de Cristóbal Montoro, que modificou o procedemento de cobro (pasou a ser en tempo real, e deixou polo camiño unha mensualidade). Tras unha reunión en agosto do 2018 entre a ministra de Facenda e Feijoo, María Jesús Montero comprometeuse a buscar unha solución. E por iso orzáronse eses 200 millóns. Non é unha guerra exclusiva de Galicia: practicamente todas as comunidades inclúen no seu paquete de reclamacións a Facenda ese IVE pendente.

O caso é que, como explicou nunha carta ao conselleiro de Facenda a número dous do ministerio, o Executivo incluíra nas súas contas para o 2019 o traspaso deses fondos do IVE ás comunidades. Pero como os orzamentos foron tombados no Congreso -o que precipitou as eleccións-, ese diñeiro segue retido e é un asunto que Facenda ha arrinconado.

Así que, salvo sorpresa maiúscula, a Xunta acabará o ano sen eses 200 millóns cos que contaba (á parte de 170 de compensacións, que non incluíra nos seus orzamentos). E iso ten que ter algunha translación cando a hucha de gastos da Administración autonómica roldaba os 9.000 millóns para este exercicio.

O Estado non determina unha finalidade para esas entregas a conta e participacións en impostos (hai fondos finalistas, que son os que che dá outra Administración para un fin concreto, como políticas de emprego). O caso é que ese diñeiro remitido desde Madrid utilízase en Galicia, principalmente, en asuntos sociais, educación e sanidade; e no pagamento de nóminas. E como iso é intocable porque a Xunta decidiu non afrontar máis recortes sociais (e menos tocar as nóminas dos funcionarios), o buraco dos 200 millóns terá que tapalo doutro xeito. E aí só aparecen dúas posibilidades: recorrer a novas pólizas de crédito ou atrasar o pagamento a provedores, dando unha patada cara adiante e pagando cando haxa máis liquidez.

Estas dúas situacións xa se están producindo. Este exercicio tivo que tirar de 330 millóns en novas pólizas coas que non contaba; e pasou de pagar en apenas 14 días a facelo en 17. Aínda ten marxe porque o tope legal está en 30 días. Outros territorios como Cataluña ou Valencia si falan abertamente de meter a tesoira no gasto.

A cadencia de pagamento

Con todo, non está claro cando e de que forma chegarán os pagamentos do Estado; é posible que se autorice o real decreto no Consello de Ministros deste venres, ou no seguinte. As entregas a conta vanse prorrateando en 12 meses, e en cada unha ingrésase unha parte do total. Ten sentido para non alterar a tesourería do Estado e porque así se supón que vai compasado ao ritmo de ingresos que ten o Estado co IVE e o IRPF: ingresan mes a mes, e mes a mes vano pagando ás Administracións. O problema empezou cando a mediados de ano as comunidades quedaron secas. O resto xa se coñece.