Fomento inspecciona as peaxes da AP-53 tras os cobros indebidos

Rocío Perez Ramos
R. Ramos LALÍN

GALICIA

miguel souto

Os condutores que realizaban a saída en Silleda cando se desprazaban desde Lalín ou desde Ourense pagaban 3,6 euros en lugar dos 2,45 da tarifa

09 ene 2019 . Actualizado ás 13:51 h.

A denuncia por parte dos socialistas lalinenses de cobros indebidos na peaxe da AP-53 no tramo de Lalín a Silleda provocou unha marea de críticas e de reaccións. A queixa era que a concesionaria cobraba aos condutores que realizaban a saída en Silleda cando se desprazaban desde Lalín ou desde Ourense 3,6 euros, no canto dos 2,45 euros da tarifa. Desde Lalín enviáronse escritos a Acega, á Subdelegación do Goberno e ao Ministerio de Fomento. Onte as respostas non se facían agardar. O Ministerio de Fomento explicou que levou a cabo a inspección extraordinaria das peaxes da autoestrada Central de Galicia nas instalacións de Silleda e Lalín. Tras estes labores instou a Acega a solucionar de forma urxente os fallos.

A concesionaria, segundo apuntou Fomento, achacou o problema a un fallo técnico nalgunha das cámaras de recoñecemento das matrículas nun dos traxectos. Unha lectura incorrecta que, ao parecer, provocaba un cálculo erróneo do percorrido realizado polos vehículos.

Pola súa banda, a Xunta, urxía tamén a Fomento a corrixir estes sobreprezos. A conselleira Ethel Vázquez dirixiuse ao ministerio para que actuase con «a máxima celeridade» e solicitou a implicación do delegado do Goberno, Javier Costa, nesta cuestión.

Mobilizacións

Na comarca de Deza as mobilizacións non se fixeron agardar. O portavoz socialista lalinense, Nicolás González Casares, púxose en contacto onte cos parlamentarios galegos e estatais. O Concello de Lalín anunciaba mocións para levar aos concellos polos que pasan a AP-53, entre Dozón e Santiago e invitábase aos afectados a presentar reclamacións nas oficinas do consumidor. En Silleda, o Concello uníase tamén ás queixas e pedía explicacións á concesionaria por ese cobro irregular entre Silleda e Lalín, e en Vila de Cruces os nacionalistas anunciaban que levarían o asunto para o seu debate no Parlamento galego.

O Concello de Lalín aprobou recentemente unha moción solicitando a Fomento a rebaixa da peaxe, un dos máis caros, e obras de mellora no carril dereito.